A Xunta presenta a campaña ‘Ola saúde! contornos laborais saudables’ que promoverá bos hábitos para o benestar das persoas nos lugares de traballo


  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) distribuirá 1.500 carteis e 3.000 calendarios en centros de traballo de entidades públicas e privadas para concienciar da necesidade de levar hábitos sans de vida
  • O material divulgativo incide na necesidade de evitar o sedentarismo e brindar marxe á desconexión dixital, entre outros consellos

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2022. A Xunta está a promocionar a creación de contornas laborais saudables que permitan protexer, promover e apoiar a seguridade e saúde no traballo e o benestar das persoas traballadoras por medio da nova campaña ‘Ola saúde!’ do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga).

Consciente de que o lugar de traballo xoga un papel relevante no establecemento de estilos de vida saudables e o apoio a actividades que eviten a deterioración da capacidade funcional, o Issga repartirá 1.500 exemplares dun cartel e 3.000 dun calendario/semanario no que se recollen 12 pautas con mensaxes que se repartirán entre centros de traballo de entidades públicas e privadas.

A Xunta quere dicirlle “Ola á saúde!” por medio desta campaña na que invita ás persoas traballadoras a apuntar día a día as actividades beneficiosas que desenvolven e poder realizar unha avaliación cada semana.
Entre outras recomendacións, o Issga insiste na necesidade de priorizar tarefas, organizar os tempos de traballo, evitar a fatiga visual e adoptar posturas correctas, reducir o sedentarismo (adquirindo hábitos que permitan desenvolver actividades de pé), levar unha vida saudable e deixar marxe á desconexión dixital.

“Nunha organización saudable o benestar do persoal traballador debe ser parte primordial do conxunto de valores no que a seguridade e a saúde laboral está por enriba de calquera consideración e involucre a todos”, informa o Issga. “Para iso é preciso contar co esforzo de todos os actores implicados nas relacións laborais, empresariado, administración, persoal traballador e a sociedade para mellorar a saúde e o benestar das persoas no lugar de traballo ao longo de toda a vida laboral”, incide.

Traballar en contornas laborais saudables, defende o Instituto, permitirá mellorar a calidade de vida da poboación traballadora; aumentar a produtividade e competitividade empresarial; diminuír a sinistralidade, o absentismo laboral e as enfermidades; e mellorar a motivación dos equipos e incrementar a retención do talento.

Descargas