A Xunta destaca os beneficios do mindfulness para reducir o estrés no traballo


  • A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), organizou un webinario no que están inscritas case 300 persoas
  • A práctica desta técnica consegue reducir a tensión, a ansiedade e o insomnio, aumentar a concentración, a memoria e a creatividade, entre outros, polo que mellora o benestar laboral
  • A xornada enmárcase nas medidas de actuación da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo e do Plan de actividades do Issga

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021. A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), celebrou o webinario Mindfulness para a redución do estrés no traballo ao que se inscribiron case 300 persoas, entre técnicos de prevención de riscos laborais, delegados de prevención, axentes sociais, empresarios, traballadores e persoas con interese na materia.

Na xornada, que forma parte das medidas de actuación da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo e do Plan de actividades do Issga, realizada en colaboración con Fremap, informouse sobre os beneficios que conleva a práctica do mindfulness, unha técnica de relaxación e meditación que, segundo os expertos, logra reducir o estrés no ámbito laboral. O obxectivo da actuación é informar como se pode a través desta práctica e a súa integración no traballo incrementar o benestar laboral.

A práctica do mindfulness é un adestramento sistemático da atención que permite ás persoas desenvolver recursos internos de auto-observación e auto-regulación, que brindan a posibilidade de desactivar a reacción automática do estrés crónico. No webinario destacouse que estes tipos de adestramentos producen efectos positivos como son a redución da tensión, ansiedade e insomnio; o incremento da perspectiva e a comprensión dos demais; o aumento da concentración e a memoria; o desenvolvemento da intelixencia emocional; a mellora das relacións interpersoais; e o incremento da creatividade.

Deste xeito, a práctica do mindfulness no traballo mellora o liderado, a produtividade e a xestión da tensión; incrementa a función e a flexibilidade cognitivas; eleva o autocontrol e a capacidade de superar obstáculos; aumenta o benestar dos empregados, fomentando ademais comportamentos máis éticos e responsables; mellora o desempeño baixo presión e en situacións complexas de ambigüidade ou incerteza; favorece a claridade mental e a toma rápida de decisións; fortalece a conexión de cada persoa cos seus valores; e reduce o absentismo e a conflitividade laboral.

A práctica de mindfulness permite, en definitiva, e, tal e como se exporá mañá na xornada, o desenvolvemento dun liderado que permite ao líder estar capacitado non só para afrontar a súa propia tensión e as demandas da súa posición, senón tamén para estar atento e sintonizado consigo mesmo para poder repercutir cos demais.