O ISSGA organiza na Coruña unha xornada de formación para previr as enfermidades da voz no traballo


  • A iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade, que se celebra hoxe, vai dirixida a teleoperadores, docentes, locutores de radio e televisión, actores e actrices e cantantes
  • A hixiene postural, a respiración, a proxección e o enfriamento vocal son claves para evitar a aparición de enfermidades profesionais e manter unha voz sana

A Coruña, 16 de novembro de 2021. O centro do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) na Coruña acolle hoxe unha nova xornada de formación, esta vez centrada na prevención das enfermidades da voz no ámbito laboral. A iniciativa, que organiza a Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto, ten por obxecto facilitar aos profesionais da voz (teleoperadores, docentes, locutores de radio e televisión, actores e actrices ou cantantes) o acceso a unha formación para evitar os riscos derivados do uso continuado e sostido da voz e que poden xerar a aparición de enfermidades profesionais. Estímase que unha terceira parte da poboación laboral é usuaria profesional da voz, é dicir, que utiliza a voz como ferramenta principal de traballo.

 

Para levar a cabo unha avaliación correcta dos riscos laborais neste ámbito é preciso ter en conta as condicións materiais e ambientais dos espazos de traballo, as condicións persoais do traballador, así como as organizativas.

Para facer un bo uso da voz, tal e como se explica na xornada, todos os profesionais deben aplicar unha boa técnica vocal que se basea en catro aspectos fundamentais: hixiene postural, respiración, proxección e enfriamento vocal. Tan importante como coñecer o correcto uso das estruturas da voz, é o coidado e protección destas. Para iso, débense ter en conta diferentes pautas de hixiene vocal, que non son máis que indicacións que axudan á prevención das patoloxías da voz e ao mantemento dunha voz sana.

A formación no correcto uso da voz é un dos principais medios para previr a aparición das disfonías derivadas do seu uso profesional e, ao mesmo tempo, ofrecer recursos para conseguir unha voz funcional e eficaz no desempeño das tarefas encomendadas. Por iso, os obxectivos do taller, que se repetirá o próximo día 23 de novembro, son, entre outros, comprender a voz e o seu complexo funcionamento, introducindo unhas nocións de anatomía e fisioloxía; enumerar e describir os diferentes trastornos da voz; identificar aquelas actividades laborais nas que se realizan esforzos sostidos da voz por motivos profesionais; coñecer cales son os factores de risco intrínsecos e extrínsecos para a voz e como controlalos; e adquirir técnicas para mellorar o uso da voz: prácticas específicas sobre xesto corporal, xesto vocal e exercicios de quecemento vocal.

Así mesmo, esta iniciativa busca facilitar a detección e intervención terapéutica precoz das patoloxías profesionais da voz relacionadas coa exposición laboral; recoñecer os signos de alerta ante unha posible patoloxía da voz con orixe laboral; coñecer os circuítos de atención sanitaria das disfonías profesionais; e entender os conceptos básicos de rehabilitación vocal.