A nova estratexia de seguridade e saúde laboral incidirá nos riscos derivados da transformación industrial e as novas formas de traballo


  • A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Vigo na inauguración do 5º Congreso internacional sobre prevención e seguridade industrial 4.0
  • Insistiu na necesidade de achegar ás empresas nesta nova etapa industrial, caracterizada pola automatización, conectividade e globalización, a importancia de anticiparse aos novos riscos profesionais

Vigo, 21 de outubro de 2021. A Xunta incidirá coa nova Estratexia de seguridade e saúde laboral nos novos riscos laborais derivados da transformación e as novas formas de traballo co propósito de anticiparse nesta materia aos cambios derivados da nova etapa industrial caracterizada pola automatización, a conectividade e a globalización.

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na quinta edición do Congreso internacional sobre prevención e seguridade industrial 4.0 que, baixo o lema Seguridad Cu4troCero, celebrouse en Vigo. O evento, que organiza o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais (CGETI) e a Asociación de Profesionais da Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Aprosal), conta coa colaboración da Xunta, unha edición máis, xa que é un congreso referente para as empresas e profesionais da Industria 4.0.

Na súa intervención, a xerente do Issga explicou que Galicia, xunto con Cantabria, está participando no deseño da nova Estratexia nacional de seguridade e saúde no traballo, sendo as dúas comunidades autónomas que representan ao resto de rexións neste labor. O novo documento nacional, ao igual que o galego, incluirá o novo marco estratéxico de seguridade e saúde no traballo aprobado pola Comisión Europea, que establece tres obxectivos clave: a anticipación e xestión do cambio no novo mundo do traballo para garantir a seguridade e a saúde nos lugares de traballo durante as transicións dixital, ecolóxica e demográfica; a mellora da prevención de enfermidades e accidentes relacionados con traballo; e o aumento da preparación ante posibles futuras ameazas para a saúde, baseándose no aprendido durante a covid-19. Neste senso, Quinzá-Torroja puxo en valor o traballo que desenvolveu nesta materia a Unidade de Referencia covid-19 posta en marcha polo Issga.

Para o Goberno galego é importante seguir avanzando na prevención dos riscos emerxentes derivados, por exemplo, do teletraballo; nos riscos psicosociais que xorden nos centros especiais de emprego; na integración da perspectiva de xénero e o principio de igualdade na xestión das empresas; e no impulso da prevención dos riscos laborais tradicionais, sobre todos, naquelas actividades económicas que presentan unha sinistralidade máis elevada.