A Xunta chama en Cangas a seguir a traballar na seguridade laboral a bordo dos barcos de pesca


  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, subiuse hoxe a un buque no porto de Cangas para participar nunha xornada preventiva na que quixo chamar a atención da necesidade de mellorar a prevención e a protección da saúde no mar.
  • A Xunta participa en máis de seis grupos técnicos e desenvolve campañas en colaboración con outras comunidades para alertar dos riscos neste sector
  • Mancha subliñou que na provincia de Pontevedra a sinistralidade na pesca reduciuse nos tres últimos anos unha media do 11%
  • A Xunta destina máis dun millón de euros a colaborar con asociacións, clústeres, ou sindicatos na mellora das condicións de seguridade laboral de todas as actividades

Cangas (Pontevedra), 15 de outubro de 2021.A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou hoxe unhas xornadas celebradas a bordo do buque Eirado do Costal no porto de Cangas para concienciar acerca da necesidade de mellorar as condicións de seguridade e saúde laboral nos barcos de pesca.

 

A Xunta colaborou coa Federación Empresarial Galega de Productores de Pesca (Fegapesca) na organización da actividade habida conta de que, tal e como relatou a directora xeral, o sector pesqueiro continúa sendo un dos primeiros axentes da economía galega e tradicionalmente considerado de “alto risco”.

Mancha subliñou que ano tras ano a sinistralidade no sector vaise reducindo e puxo como exemplo que “os accidentes de traballo na pesca na provincia de Pontevedra o último ano reducíronse un 14%, un 6% en 2019 e un 13% en 2018”, unha media do 11% en tres anos.

Parte desta evolución ten que ver, tal e como enfatizou a directora xeral, co traballo técnico desenvolvido polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) que “asesora ao tecido asociativo e desenvolve actividades comprobatorias e campañas dirixidas específicamente á pesca”.

Galicia ten representación na actualidade no Grupo de traballo do sector marítimo pesqueiro da Comisión Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo (CNSST), desde a que está a contribuír a deseñar un plan nacional para o sector pesqueiro que verá á luz a finais deste ano e comezará a súa difusión ao longo de 2022. Como entidade coordinadora en Galicia, o Issga colaborará con todas as asociacións do sector na divulgación dos seus contidos.

O Issga traballa ademáis con outras comunidades autónomas na análise preventiva dos accidentes leves no sector pesqueiro e na vixilancia da saúde das persoas traballadoras do mar, en coordinación co Instituto Social de la Marina (ISM).

A Xunta, pola súa banda, desenvolve campañas cos seus propios recursos como os programas Vixía e Segumar que inclúe visitas informativas a buques pesqueiros e o impulso da adecuada declaración de enfermidades profesionais, especialmente nas actividades máis feminizadas, como é o caso das redeiras e mariscadoras.

A Consellería de Emprego e Igualdade participa, ademáis, en seis grupos de traballo relacionados co sector da pesca co foco posto na sinistalidade laboral, no contido das caixas de primeiros auxilios dos barcos, na adecuación dos equipos de traballo, na análise dos accidentes leves no sector e nas condicións das persoas traballadoras do mar, contribuindo á súa mellora e na elaboración e na divulgación de documentación para a vixilancia da saúde no sector.

A través do Issga, a Xunta está a facer pedagoxía da prevención por medio de materiais audioviduais. Entre outras iniciativas, a dispor dos interesados na canle audiovisual do Instituto, pódese acceder a Prevención a fondo: Riscos e medidas preventivas da actividade de colleita de recursos específicos en mergullo; Mantendo o equilibrio: Riscos e medidas preventivas que hai que ter en conta na actividade do cultivo e recollida do mexillón; ou Virando aparellos, que se centra nas medidas preventivas que se deben adoptar respecto aos equipos de traballo a bordo de buques.

Estes materiais teñen por obxectivo explicar a normativa que atinxe aos equipos e o mantemento que requiren. Para incrementar a sensibilidade, o Issga emprega exemplos de casos reais cos que poñer de manifesto as súas causas e as medidas preventivas que os terían evitado.

A xornada celebrada hoxe enmárcase na colaboración que a Dirección Xeral de Relacións Laborais mantén con asociacións empresariais, clústeres, sindicatos e outras entidades, dotada cun orzamento de máis dun millón de euros coa que, ano tras ano, a Xunta referenda o seu compromiso coa formación para a mellora continua das condicións de seguridade e saúde nas empresas.