Hoxe comezou un novo curso básico de prevención de riscos laborais en liña


  • Desenvolve o programa formativo establecido no anexo IV-A do Real Decreto 39/1997, de 17 de xaneiro, cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero de 10 horas
  • Esta nova convocatoria conta con 300 prazas

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021.- Hoxe iniciouse un novo curso de formación sobre prevención de riscos laborais dirixidos a 300 alumnos e alumnas, que forma parte do Plan anual de actividades do Issga, no que recibirán en liña cualificación básica de prevención de riscos laborais ata o próximo 19 de novembro, data na que se realizará unha proba final.

O Issga este ano, en total, ofreceu 1.100 prazas nos cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico, un 33% máis que o pasado ano, repartidas en cinco convocatorias, dúas das cales son específicas: unha para actividades de tempo libre (en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado) e outra para traballadores autónomos, cuxa convocatoria está aberta e que comeza o vindeiro mes de outubro.

A Xunta, a través destes cursos promove comportamentos seguros e a correcta utilización de equipos de traballo e protección, e fomenta o interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada. Os alumnos e alumnas tamén aprenden a realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas do mesmo carácter compatibles co seu grao de formación e colaborarán na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias. Nos cursos tamén se inclúe formación para saber actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios e como cooperar cos servizos de prevención.

Estas accións, de 60 horas de duración, teñen o obxectivo de proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención de nivel básico e dotar ao empresariado da formación e dos coñecementos que o capacite para xestionala nas súas propias empresas ou centros de traballo. A oferta formativa do Issga, que este ano desenvólvese na modalidade en liña, a través da aula virtual da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia. A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención.

Desenvolve o programa formativo establecido no anexo IV-A do Real Decreto 39/1997, de 17 de xaneiro, cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero de 10 horas.

A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.

O Instituto desenvolve, ademais, outras campañas e actividades que pretenden inculcar a importancia da prevención, así como plans de asesoramento técnico de carácter sectorial a empresas e tarefas de investigación de accidentes, entre outras accións.