Lorenzana reivindica a Galicia como referente na xestión da seguridade e saúde no traballo


  • A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou en Santiago na apertura do simposio internacional 5Z: una visión holística de la cultura preventiva organizado pola Fundación Internacional ORP
  • Avogou pola implicación dos axentes sociais no deseño da nova estratexia galega de seguridade e saúde no traballo na que traballa o seu departamento
  • O comité científico do Congreso recoñeceu a labor despregada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) desde o inicio da pandemia

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela o simposio internacional 5Z: una visión holística de la cultura preventiva organizado pola Fundación Internacional ORP, foro de referencia no eido da prevención, a saúde e a seguridade no traballo que a conselleira aproveitou para reivindicar a Galicia como referente na seguridade e saúde no traballo.

O Comité científico deste congreso brindou un recoñecemento especial ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade e que activou no inicio da pandemia a unidade de referencia covid-19, unha iniciativa pioneira, áxil e eficaz, que xa deu resposta a preto dun milleiro de consultas técnicas e elaborou un total de 77 documentos, a fin de garantir a seguridade nos centros de traballo ao longo toda a crise sanitaria.

Para Lorenzana este recoñecemento do comité científico valoriza os esforzos deste organismo na implantación e mellora continua do sistema de xestión da prevención en Galicia que chega preparada aos desafíos que se lle presenten na materia.

No actual contexto volátil, Lorenzana defendeu o traballo das administracións en torno a tres eixos: (1) os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Organización de Nacións Unidas-que persegue a consecución dun traballo decente e a promoción dunha contorna de traballo seguro-; (2) o décimo pilar europeo de dereitos sociais -para garantir lugares de traballo saudable; e (3) o novo marco estratéxico en materia de seguridade e saúde no traballo 2021-2027, lanzado o pasado 28 de xuño pola Comisión Europea.

Lorenzana indicou que a Xunta de Galicia asume como propios os obxectivos do novo marco estratéxico para a xestión dos retos da nova era dixital, ecolóxica e demográfica; a adaptación ás novas contornas de traballo ou a mellora a prevención de accidentes e enfermidades, “preparándonos para afrontar posibles situacións futuras que hoxe xa non nos resultan tan improbables”, matizou.

A conselleira defendeu que a cultura preventiva redunda nunha mellora social integral, tanto na produtividade empresarial como no crecemento económico, a xeración de emprego e, de forma directa, nunha mellor calidade de vida dos cidadáns e cidadás.

Baixo estas premisas, indicou Lorenzana, “Galicia ábrese paso como referente na xestión da seguridade e saúde no traballo”. De feito, lembrou, este setembro iniciouse a negociación da nova estratexia a nivel estatal, na que Galicia foi unha das dúas comunidades elixidas para representar ao conxunto de comunidades autónomas para sentarse na mesa de negociación, co Goberno central e axentes sociais.

Estratexia galega

O recoñecemento ao traballo realizado pola Xunta “alcanzará o seu máximo expoñente na nova estratexia galega de seguridade e saúde no traballo, unha vez contemos co marco normativo que nos ofrecerá a estratexia española e seguindo o así mesmo a estratexia europea 2021-2027”, recalcou Lorenzana.

Baseada na transversalidade horizontal e vertical, o documento deseñarase en diálogo cos axentes sociais e coa vocación de responder ás novas demandas, sen descoidar os riscos tradicionais e atendendo á realidade do tecido socioeconómico de Galicia, onde sectores como a pesca, o forestal ou o industrial requiren unha atención específica.

Este enfoque non é novo para o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), pois os seus plans de actuación anuais actualizan e orientan aspectos como a promoción, o asesoramento e o control no ámbito preventivo.

Estes instrumentos, manifestou a titular de Emprego e Igualdade, “están abertos á participación activa dos axentes sociais e incorporan novas realidades como a conciliación, a igualdade laboral, a prevención de riscos psicosociais, ou a transferencia de coñecemento”.