O Plan de Seguridade e Saúde Laboral da Xunta de Galicia para 2021 prioriza campañas nos sectores forestal e agrícola


  • O obxectivo da Xunta de Galicia é achegar información sobre o uso seguro de equipos, en particular no manexo de maquinaria, mediante cursos de información e formación de carácter práctico
  • A Xunta vén de estrear a campaña ‘A túa vida sen voltas’ para concienciar desde a Formación Profesional no uso axeitado do tractor
  • A unidade de referencia covid-19 seguirá a traballar para garantir a saúde nos centros de traballo fronte a pandemia, unha das prioridades do Issga este ano
  • A sinistralidade laboral reduciuse en 2020 un 16% no sector agrario e forestal

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2021. O Plan de actividades do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para 2021 dará prioridade á Unidade de referencia covid-19 e ás campañas de prevención de riscos laborais en eidos como a pesca, a agricultura e o sector forestal. O obxectivo principal do Plan do Issga, que depende da Consellería de Emprego e Igualdade, é promover a prevención de riscos laborais nos centros de traballo e seguir loitando contra a sinistralidade laboral, como aconteceu en 2020, que pechou cun 24,45% menos de accidentes no traballo.

O Plan de actividades foi deseñado co consenso das organizacións sindicais e empresariais e se enmarca na Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo que foi aprobada no seo do Diálogo Social.

Sector forestal

No ámbito forestal desenvolverase un programa de prevención de riscos e redución de accidentes na industria do sector, nas operacións de maior sinistralidade no traballo no monte, e investigación causal. Tamén se realizarán visitas aos centros de traballo da industria madeireira.

O obxectivo da Xunta de Galicia é achegar información sobre o uso seguro de equipos, en particular no manexo de maquinaria forestal, mediante cursos de información e formación de carácter practico. Estase a dar continuidade ao grupo de traballo con técnicos do sector que ven funcionando dende o ano 2017, para atallar a recorrencia dos accidentes, en moitos casos graves e mortais, nas operacións de tala nos montes, para a proposta e asunción de medidas correctoras e preventivas.

Sector agrario e gandeiro
 

Polo que se refire ao sector agrario e gandeiro, realizaranse campañas de sensibilización sobre o manexo seguro de maquinaria agrícola, especialmente en relación co uso do tractor e a seguridade viaria relacionada con este vehículo.

De feito, a Consellería de Emprego e Igualdade iniciou xa as actividades formativas dirixidas a alumnado e profesorado da Formación Profesional en Galicia no marco da campaña A túa vida sen voltas. Trátase de fomentar o uso seguro do tractor e que se aumente o número de tractores provistos de estrutura de protección e cinto de seguridade.

A Xunta pretende acadar con esta actuación a concienciación mediante a formación e a información respecto ao risco de envorco e as súas consecuencias entre os futuros profesionais do sector. Para avanzar vén de completarse ademais a distribución de exemplares dun documento técnico co fin de chegar ao maior número posible de agricultores, gandeiros, traballadores forestais e todos aqueles que teñan relación coa utilización do tractor no agro galego.

Unidade covid-19

A unidade de referencia covid-19 púxose en marcha para afrontar a emerxencia sanitaria na contorna laboral e seguirá a traballar coa súa dobre finalidade: apoiar ao tecido empresarial galego na implantación das medidas necesarias para loitar contra a covid-19 e dar resposta especializada aos diferentes sectores económicos para garantir a saúde laboral nos centros de traballo. A unidade constitúe unha das actuacións preferentes e prioritarias do Issga, que incidirá sobre todo na disciplina de hixiene industrial e medicina no traballo.

Datos de sinistralidade

Con respecto aos datos de sinistralidade de 2020, Galicia rexistrou un total de 22.302 sinistros en xornada laboral, o que supón unha diminución do 24,45%. Houbo un 24,56% menos de accidentes leves, os graves tamén diminuíron, nun 19,62%, e os mortais descenderon nun 3,70%.

Por sectores, os accidentes laborais caeron na pesca (-12,07%), na agricultura (-16,05%), na industria (-23,50%), na construción (-24,22%) e nos servizos (-26,77%). Por provincias, baixaron na Coruña nun -23,13%; en Lugo, nun -24,46%; en Ourense, nun -23,30%; e en Pontevedra, nun -26,67%. Respecto ao índice de incidencia, que pon en relación o número de accidentes coa poboación afiliada por 100.000 traballadores, amósase tamén unha baixada, neste caso do 22,91%.