A Xunta crea un grupo técnico de traballo para avaliar e incidir en medidas de prevención nos sectores con máis accidentes laborais


  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe por videoconferencia nun acto de recoñecemento ás empresas galegas polo seu traballo na prevención de riscos laborais organizado por Ibermutua Gallega
  • Destacou que a Consellería de Emprego e Igualdade incidirá en 2021 na prevención de riscos laborais en sectores como a construción, a pesca, a industria, o agro, o forestal ou os servizos
  • Farase fincapé na comprobación do cumprimento das medidas de protección da maternidade e daquelas vencelladas a facer fronte á covid-19 nos centros de traballo

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, avanzou hoxe que a Xunta vén de crear un grupo técnico, xunto cos axentes sociais, para avaliar e incidir en medidas de prevención de riscos naqueles sectores que presentan maiores índices de sinistralidade laboral. É o caso de ámbitos como a construción, a pesca, a industria, o agro, o forestal, os servizos, a xardinería ou os talleres de reparación de automóbiles, entre outros. Mancha destacou as medidas que levará a cabo a Consellería de Emprego e Igualdade en 2021 para contribuír a reducir os accidentes de traballo nun acto de recoñecemento ás empresas galegas polo seu traballo na prevención de riscos laborais nos últimos dez anos organizado por Ibermutua Gallega e no que participou por videoconferencia.

“O que pretendemos con este grupo de traballo estritamente técnico e creado a través dun acordo cos axentes sociais no seo do Consello galego de seguridade e saúde laboral é estudar e adoptar políticas de prevención axustadas á realidade para evitar na medida do posible os sinistros laborais”, matizou.

Mancha, así mesmo, indicou que ao longo do próximo ano incidirase na comprobación do cumprimento das medidas de protección da maternidade nos centros de traballo, así como nas accións de prevención e hixiene fronte á covid-19 nas empresas galegas, como son, entre outros, a adopción de medidas de ventilación, limpeza e desinfección, a ordenación dos postos de traballo e a organización das quendas, así como as medidas destinadas a garantir a distancia de seguridade interpersoal mínima de 1,5 metros entre os traballadores.