Colaboramos nun curso de prevención de riscos laborais nos traballos de laboratorio


O curso, organizado pola EGAP, utilizou como material de base o Manual de Seguridade no laboratorio publicado polo ISSGA do que é autora Lucía Ferrón Vidán, Hixienista Industrial do ISSGA, que ademais foi a titora do curso.

Os laboratorios constitúen lugares de traballo nos que se poden xerar riscos importantes e moi diversos que se traduzan en accidentes (cortes, queimaduras, intoxicacións, incendios, explosións..) e tamén en enfermidades de diversa índole e gravidade en función fundamentalmente dos produtos químicos e nalgúns laboratorios, dos axentes patóxenos que se manipulen neles.

Todos isto fai que a prevención de riscos no laboratorio presente unhas características propias e diferenciadas doutras áreas produtivas e por iso é especialmente importante a formación específica do persoal que traballa neles

Neste contexto desenvolveuse este curso dirixido fundamentalmente ao persoal dos laboratorios da Xunta de Galicia que tiña como obxectivo tanto coñecer cal é a normativa máis importante que afecta aos laboratorios dende o punto de vista preventivo, é dicir, que condicións de seguridade deben cumprir, como como os hábitos e boas prácticas correctos nel, en definitiva para facer dos laboratorios lugares de traballo seguros. Incidiuse ademais dun xeito especial no risco derivado da presenza e manipulación de produtos químicos tanto para coñecer as súas características de perigosidade como as principais medidas preventivas que se deben adoptar.

É fundamental que todo persoal saiba percibir e valorar correctamente os riscos aos que se pode expor, tendo claro que moitas veces os riscos poden vir das propias instalacións e contaminantes presentes ou da maneira de organizar o traballo, pero que tamén as persoas traballadoras temos responsabilidade xa que debemos cumprir as normas establecidas, adoptar hábitos correctos e saber identificar situacións de perigo, para evitalas ou reducir os riscos ao mínimo posible.