A Xunta elabora unha guía e un tríptico para autónomos e pemes con información útil para actuar fronte á Covid-19


  • O documento, elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) responde ás principais dúbidas para saber actuar de xeito áxil ante un posible contaxio nun centro de traballo
  • Difundirase desde hoxe na páxina web do Instituto e enviarase a todas as asociacións de autónomos de Galicia e colectivos sectoriais de pemes e micropemes
  • O obxectivo é garantir a saúde laboral do s traballadores e traballadoras e acompañar o tecido empresarial dándolle toda a información que precise
  • A guía, supervisada pola autoridade sanitaria, contén 23 preguntas que foron identificadas e seleccionas pola súa relevancia e reiteración nas consultas que se reciben a diario no Issga

A Xunta difundirá desde hoxe unha guía e un tríptico dirixido a autónomos, pemes e micropemes con información útil para actuar fronte a un caso de Covid-19. A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), vén de elaborar estes documentos cos que se pretende dar pautas sobre como actuar para que , en caso de contaxio, a resposta nos centros de traballo de Galicia sexa rápida e dunha maneira ordenada e sempre segundo os criterios da autoridade sanitaria, xa que o material foi supervisado pola Consellería de Sanidade. Así, a guía e o tríptico responden a criterios de recomendacións sanitarias no ámbito laboral.

Os documentos difundiranse na web do Issga, http://issga.xunta.gal/, e enviaranse a todas as asociacións de autónomos de Galicia e colectivos sectoriais de pemes e micropemes. O que se pretende é acompañar o tecido empresarial galego dándolle información útil e respondendo as súas principais dúbidas para que poidan dar unha resposta áxil sobre como actuar ante un posible contaxio nun centro de traballo.

A información elaborada está especialmente destinada para pemes, micropemes e persoas traballadoras autónomas, en que a dificultade para aplicar as medidas preventivas é maior por non contar en nalgúns casos co asesoramento dun servizo de prevención de riscos laborais.

A guía contén 23 preguntas que foron identificadas e seleccionadas pola súa relevancia e reiteración nas consultas que se reciben a diario no Issga. O contido está dividido en dous grandes bloques. Un contén preguntas destinadas a dar pautas de actuación ante unha sospeita por síntomas compatibles coa Covid-19, seguimento dos contactos e casos positivos nun centro de traballo. E o segundo bloque recolle medidas para a separación física con ante paros ou pantallas faciais, uso correcto da máscara, uso de luvas, ventilación e tratamentos de desinfección.

Pola súa banda, o tríptico, Sete chaves para a prevención da COVID-19 na túa empresa é un resumo da guía e nel recóllense as dúbidas máis importantes para saber xestionar os supostos que se poden dar no ámbito laboral de xeito resumido.

Corenta guías e protocolos

Esta actuación súmase ao labor que está a desempeñar a Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Issga, para posibilitar a reactivación económica coas máximas garantías de seguridade en todos os centros de traballo de Galicia. Así, o Instituto ten elaboradas 40 guías e protocolos por sectores para garantir a seguridade e saúde laboral do tecido empresarial galego, con especial atención ás pemes, micropemes e persoas traballadoras autónomas. Desde o inicio da crise sanitaria, o Issga deseñou unha folla de ruta con medidas de diagnose e análise e puxo en funcionamento plans de acción para loitar contra a pandemia.

A Xunta, en definitiva, está a elaborar guías e protocolos específicos para cada sector e está achegando o seu coñecemento técnico-científico en materia preventiva, especialmente no ámbito de hixiene industrial e medicina do traballo. O reto do Goberno galego é seguir avanzando en medidas que aposten pola prevención e o apoio a todos os traballadores e traballadoras de Galicia.

Descargas