A Xunta atendeu preto de 700 consultas e elaborou 40 guías e protocolos sectoriais para garantir a seguridade dos traballadores na pandemia


  • A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe no Parlamento as actuacións levadas a cabo polo Issga para posibilitar a reactivación económica coas máximas garantías de seguridade en todos os ámbitos laborais
  • Lorenzana puxo en valor a importancia da prevención e o labor técnico e de especialización que desempeña o Issga
  • O Instituto deseñou unha folla de ruta con actuacións de diagnose e análise e implementou plans de acción con medidas de prevención para dar apoio ao tecido empresarial nunha situación excepcional

 

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor hoxe no Parlamento o labor que está a desempeñar a Xunta en materia de seguridade e saúde laboral para facer fronte á pandemia. Así, explicou que a Administración autonómica, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), leva atendidas preto de 700 consultas e ten elaboradas 40 guías e protocolos por sectores para posibilitar a reactivación económica coas máximas garantías de seguridade en todos os centros de traballo.

Lorenzana destacou a importancia da prevención e o labor técnico e de especialización que desenvolve o Issga neste senso para loitar contra a covid-19, poñendo de manifesto que o Instituto deseñou unha folla de ruta con medidas de diagnose e análise e implementou plans de acción orientados a garantir a seguridade e saúde laboral do tecido empresarial galego, con especial atención ás pemes e os autónomos.

A titular de Emprego e Igualdade subliñou que, desde o inicio da crise sanitaria, a Administración autonómica ofreceu asesoramento técnico en materia de seguridade e saúde laboral e de prevención ao tecido industrial galego, así como aos clústeres como son os da automoción, construción, naval ou forestal, entre outros. Tamén colaborou na elaboración dos plans de continxencia de empresas como PSA, Finsa e de compañías asociadas á Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime).

Así mesmo, o Issga púxose a disposición de todas as consellerías da Xunta elaborando protocolos de actuación específicos en materia de reincorporación laboral; establecendo criterios técnicos de traballo en sectores produtivos; prestando asesoramento técnico ou orientando en materia de prevención de riscos laborais ante a covid-19.

A conselleira apuntou que o principal obxectivo de todas estas actuacións é “garantir as mellores condicións de seguridade e saúde laboral para todos os galegos e galegas” e engadiu que quedou demostrado o apoio do Issga ao tecido empresarial e á sociedade en xeral, nunha situación nova e complexa, coa elaboración e difusión de recomendacións en materia de prevención laboral. Así mesmo, afirmou que quedou constatada a colaboración que se levou a cabo cos axentes sociais a través dos documentos que se elaboraron para dar resposta ás súas consultas.

Lorenzana, en definitiva, concluíu agradecendo ao Issga o seu labor e a axuda que presta ás pequenas e medianas empresas, así como aos autónomos. Reiterou, ademais, o compromiso da Xunta de avanzar en medidas que aposten pola prevención e o respaldo a todos os traballadores e traballadoras de Galicia.