Participación do ISSGA no proxecto REDMAR na que se analiza a xestión da PRL con perspectiva de xénero nos buques de pesca


Hoxe 1 de outubro ás 12h, Myriam Garabito Cociña, xefa de Sección de Hixiene Industrial e Técnicas Analíticas do centro do ISSGA de Lugo, participa na xornada do proxecto REDMAR, empregabilidade de mulleres a bordo, no marco do Estudo integral con enfoque de xénero, na prevención de riscos laborais e necesidades preventivas nos buques pesqueiros de Galicia posto en marcha por FUNDAMAR neste ano co apoio da Xunta de Galicia.

Como parte do estudo, e dentro da metodoloxía nesta primeira fase do 2020, contémplase a realización de entrevistas a expertos/as (responsables de servizos de prevención, escolas de formación, mulleres tripulantes, institución públicas en materia de PRL, etc). A entrevista céntrase nos seguintes temas:

  • 1. A xestión da PRL con perspectiva de xénero: necesidade de incorporar o enfoque de xénero na PRL, riscos aos que están expostas as mulleres traballadoras, e se se realiza a xestión da PRL nas empresas con este enfoque e no caso particular dos buques de pesca.
  • 2. Muller traballadora e sinistralidade laboral a bordo dos buques de pesca: sinistralidade laboral das mulleres nos buques de pesca, riscos específicos (físicos, hixiénicos, ergonómicos e psicosociais) das mulleres nos buques e os factores que os causan.
  • 3. Desigualdade e discriminación nos buques de pesca por cuestión de xénero: se existen ou non desigualdades homes/mulleres e discriminacións.
  • 4. Xestión da PRL nos buques desde perspectiva de xénero: aspectos a ter en conta na avaliación de riscos con enfoque de xénero, ferramentas que poden axudar a esta xestión, medidas preventivas con enfoque de xénero que adoitan aplicar os buques de pesca, prácticas preventivas recomendadas, etc.