Sanidade lembra a importancia de vacinarse este ano fronte á gripe como consecuencia da covid e destaca que a campaña se levará a cabo durante 12 semanas seguidas


◾A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, presentou hoxe a campaña de vacinación antigripal 2020, na que o departamento sanitario galego vai investir 3,2 millóns de euros

◾O Sergas lembra a importancia, este ano máis que nunca, de concertar cita para a vacinación nos centros de saúde e non acudir directamente sen ser citado

◾Enviaranse sms masivos de recordo de vacinación á poboación entre 65 e 74 anos

 Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2020

A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, presentou hoxe, na compaña do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas. a campaña de vacinación da gripe 2020, que ten como obxectivo xeral diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do padecemento desta enfermidade, minimizando o efecto na saúde mediante a súa prevención. A tal efecto, o departamento sanitario galego vai investir 3,2 millóns de euros.

Tal e como destacou a directora xeral, outros obxectivos específicos da campaña, que arranca o día 13 de outubro e remata o 31 de decembro, por tanto, 12 semanas de xeito continuado, é acadar unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos e nos traballadores sanitarios do Sergas igual ou superior ao 75%. No caso das mulleres embarazadas e persoas con condición de risco, o obxectivo de cobertura sitúase unha porcentaxe igual ou superior ao 60%.

Sanidade lembra a importancia de vacinarse este ano fronte á gripe, xa que, no contexto da pandemia pola covid, poden coincidir ambas infeccións, de aí o trascendental da vacinación antigripal das persoas en risco e a redución da carga desta enfermidade.

A Consellería de Sanidade mercou inicialmente un total de 617.500 doses, e o resto das doses, ata completar o total de 865.830, son subministradas polo Ministerio de Sanidade (248.330). O total de doses deste ano supón 200.830 máis que no ano anterior.

A directora xeral destacou que, respecto das coberturas fronte á gripe no pasado ano, Galicia, cun 60,42%, sitúose 6,5 puntos por riba da media nacional, e subliñou que manterase a indicación de vacinación ao persoal sanitario do Sergas dende unha semana antes do inicio da campaña xeral, por tanto para este colectivo comezará o 5 de outubro.

Incidiu Carmen Durán en que a campaña conta con 900 puntos de vacinación, entre centros de primaria e hospitalaria do Sergas, centros médicos e consultas privadas, residencias da 3º idade públicas ou privadas, centros penitenciarios, unidades de atención aos drogodependentes, centros de menores e discapacitados, etc.

Poboación diana

A poboación diana da campaña á que se lle oferta gratuitamente a vacina son as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 ou máis anos ou as que convivan en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención e crónicos).

Tamén son poboación diana da campaña as persoas de menos de 60 anos que teñen un risco de complicacións derivadas da gripe, presentado esta campaña como novidade as mulleres durante o puerperio (ata 6 meses tras o parto), sempre que non se vacinarán no embarazo.

Son igualmente poboación diana as persoas que lles poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións. Trátase de persoal de centros sanitarios de primaria e hospitalaria, públicos e privados, de oficinas de farmacia, de institucións xeriátricas e de atención a enfermos crónicos, estudantes en prácticas en centros sanitarios, asistentes domiciliarios de pacientes de alto risco ou persoas maiores, así como convivintes de persoas de grupos de risco.

Outras persoas nas que se recomenda a vacinación son as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade e os traballadores expostos directamente a aves ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e tamén ás aves silvestres.

Remarcar que, por primeira vez, Galicia empregará nesta campaña unha vacina tetravalente de alta carga para as persoas máis vulnerables, aquelas de 65 ou máis anos ingresadas en residencias.

Sinalar, así mesmo, que entre a loxística da campaña está o feito de que a partir da terceira semana da campaña realizarase unha chamada por parte dos profesionais de enfermería de atención primaria á poboación de 65 a 74 anos. Ademais, enviaranse sms masivos de recordo de vacinación á poboación entre 65 e 74 anos, estableceranse axendas de citación especial para vacinación e vacinaranse aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio. Por último, o Sergas lembra a importancia, este ano máis que nunca, de concertar cita para a vacinación nos centros de saúde e non acudir directamente sen ser citado.