O ISSGA participa na reunión do Subgrupo de Traballo de “Prevención, extinción de incendios e salvamento”, convocada pola Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.


Nesta reunión, organizada a través de videoconferencia, participa persoal técnico da Administración Xeral do Estado e das Comunidades Autónomas e das organizacións sindicais e empresariais.

O Obxectivo 3 da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2015-2020 contempla a necesidade de establecer prioridades e planificar medidas concretas dirixidas a afrontar problemas de seguridade e saúde específicos, como poden ser riscos que afectan a un elevado número de traballadores, actividades especialmente perigosas ou colectivos de traballadores vulnerables.

O obxectivo deste subgrupo céntrase no desenvolvemento dos seguintes epígrafes:

• Estudo dos riscos específicos das actividades de prevención, extinción de incendios e salvamento, e as súas consecuencias.

• Propostas de medidas orientadas a mellorar a protección da seguridade e saúde deste colectivo de traballadores.

Este subgrupo de traballo está elaborando un documento nos que está prevista a inclusión, entre outros puntos, da normativa de aplicación ao colectivo, estatal e autonómica e os resultados dunha toma de información realizada entre as organizacións e administracións que contan con Servicios de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, para coñecer os aspectos máis relevantes relacionados coa forma na que se xestiona a prevención de riscos laborais. No texto incluiranse ademais as tarefas máis significativas dos colectivos dedicados ás Actividades de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, así coma os principais riscos por actividade.