A Xunta lembra a importancia de respectar a obriga do uso de máscaras no ámbito laboral


  • Así o establece o plan de continxencia fronte ao coronavirus elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), que recolle unha serie de recomendacións a ter en conta por parte das empresas para que a actividade se desenvolva con todas as garantías sanitarias
  • Trátase de medidas de prevención para limitar o risco de contaxio, tanto a nivel organizativo, como de hixiene e limpeza ou mesmo nos desprazamentos ao traballo

A Xunta de Galicia, a través das Consellería de Economía, Emprego e Industria e de Sanidade, lembra a importancia de respectar a obriga do uso da máscara no ámbito laboral, así como adoptar nas empresas medidas organizativas ou de protección colectiva fronte á covid-19.

Así o establece o plan de continxencia fronte ao coronavirus elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), que recolle unha serie de recomendacións a ter en conta por parte das empresas para que a actividade se desenvolva con todas as garantías sanitarias.

Trátase de medidas de prevención para limitar o risco de contaxio, tanto a nivel organizativo, como de hixiene e limpeza ou mesmo nos desprazamentos ao traballo. Así, este plan establece que o uso da máscara é obrigatorio e que se deben seleccionar adecuadamente os equipos de protección de acordo a cada posto de traballo. Ademais, tamén incide na importancia de lavarse as mans frecuentemente e de incrementar a limpeza e a desinfección das zonas de traballo nos cambios de quenda.

No que respecta ás medidas organizativas, o protocolo recomenda que se garde a distancia de seguridade de 1,5 metros e se distribúan espazos e tarefas, se eviten aglomeracións e se facilite como alternativa o traballo a distancia e o teletraballo. Neste sentido, apela a adoptar nas empresas medidas relativas ao persoal especialmente sensible e a xestionar o acceso de clientes, provedores ou contratas. E, na mesma liña, destaca a necesidade de elaborar un plan de limpeza e desinfección.

A Xunta lembra ás empresas o deber de activar mecanismos de seguimento e control destas medidas para garantir o seu cumprimento, e para xestionar posibles casos sospeitosos de contaxio. Do mesmo xeito, tamén lles aconsella que fagan unha avaliación permanente dos riscos para actualizalas cando sexa necesario.