Tratamentos de desinfección en locais comerciais e outras estancias en relación ao coronavirus


CIRCULAR INFORMATIVA

TRATAMENTOS DE DESINFECCIÓN EN LOCAIS COMERCIAIS E OUTRAS ESTANCIAS EN RELACIÓN AO CORONAVIRUS

08/05/2020

Están xurdindo no mercado diferentes tratamentos para a desinfección de locais e materiais que utilizan produtos ou equipos que, mediante mecanismos de acción químicos ou  físicos, reclaman un efecto de inactivación ou destrución do Coronavirus, é dicir, que teñen potencial como desinfectantes. Entre estes produtos están o ozono, o dióxido de cloro e a luz ultravioleta.

Un denominador común a todos eles é que son produtos ou axentes con propiedades tóxicas. Precisamente para poder ser utilizados como desinfectantes, deben exercer sobre os microorganismos (virus, bacterias e fungos)  un efecto daniño, pero por outra parte, deben ser seguros para as persoas e por iso estes desinfectantes deben ser avaliados e autorizados previamente. O obxecto é coñecer, antes da súa comercialización, de que forma, en que concentracións e en que condicións poden ser utilizados sen xerar riscos para as persoas e para o medio ambiente, sendo ao mesmo tempo eficaces para eliminar os microorganismos, neste caso eliminar ou inactivar  o coronavirus.

Por todo o dito anteriormente, a normativa europea obriga a que todos os produtos que se vaian usar como desinfectantes sexan avaliados e rexistrados antes da posta no mercado, e por iso o Ministerio de Sanidade está a insistir en que todos os desinfectantes que se usen contra o virus sexan efectivamente virucidas (eliminan ou inactivan o virus) e seguros na súa utilización. Isto teñen que cumprilo, sempre que se respecten as instrucións de aplicación, fin e forma de uso  indicada polo fabricante, todos os que están rexistrados para este cometido no Rexistro oficial de biocidas,. Neste enlace pódense consultar os que están autorizados en España que son efectivos contra virus:

https://www.mscbs.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/nCov-China/documentos/Listado_virucidas.pdf

Como se pode ver na lista, algúns poden ser aplicados polo público en xeral pero outros só por persoal profesional ou por persoal especializado. Os autorizados para uso por persoal profesional requiren certa formación e coñecemento de uso dos EPI necesarios. Os reservados para uso por persoal especializado requiren unha capacitación específica regulada pola normativa sectorial que tamén implica formación específica da persoa que os aplica e uso de EPI. Os biocidas reservados para uso por persoal especializado só poden ser aplicados por empresas de Servizos Biocidas, que deben estar inscritas no Rexistro Oficial de Servizos Biocidas das Comunidades Autónomas (estes rexistros son de consulta pública, en Galicia na web da Consellería de Sanidade).

Hai que aclarar que ningún virucida pode ser aplicado directamente por nebulización sobre as persoas.

- En canto ás máquinas xeradoras de ozono:

  • Non está avaliada esta forma de uso do ozono para a desinfección, descoñécese a súa eficacia contra o virus, a dose adecuada e a perigosidade para este uso concreto

  • Non existen biocidas rexistrados a base de ozono para ningún tratamento

  • Quen utilice esta máquina faino baixo a súa responsabilidade. 

  • Unha empresa rexistrada no Registro Oficial de Servizos Biocidas non podería utilizalas xa que só poden usar biocidas autorizados

​​Para máis información: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Sanidade-Ambiental

 - En canto ás lámpadas de luz ultravioleta (UV):

  • A luz UV non debe nunca ser aplicada sobre as persoas. ​Os efectos daniños comprobados son sobre a pel (irritación, envellecemento e cancro) e sobre os ollos (cataratas e inflamación da córnea e da conxuntiva). A OMS advertiu expresamente de que non debe ser utilizada sobre a pel.

  • Non se avaliou o uso de lámpadas UV para desinfección de superficies. A luz UV máis efectiva contra o virus é a máis prexudicial para as persoas, a súa aplicación requiriría de persoal experto e aplicación con todas as medidas de seguridade.

  • A nivel de investigación neste momento estase estudando utilizar lámpadas UV menos potentes pero eficaces para inactivar o virus, polo tanto en fase de ensaio

  • Un dos problemas da luz UV parece ser a súa limitada capacidade de penetración nos materiais e polo tanto parece ser eficaz para matar xermes cando se trata, por exemplo, de superficies lisas

  • No  caso de que sexan utilizados equipos que integren este sistema débese ter claro que a súa eficacia e condicións de uso tampouco están avaliados, que debe ser utilizado con todas as garantías de seguridade para as persoas e seguindo estritamente as instrucións do fabricante. Ademais, a súa utilización nunha empresa require cumprir co estipulado no Real decreto 486/2010, de 23 de abril, sobre a protección da saúde e a seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a radiacións ópticas artificiais, para o cal se deberá solicitar o asesoramento do Servizo de Prevención.

 Tendo en conta o exposto hai que ter presente que actuar sobre as diferentes vías polas que se pode producir o contaxio e a diseminación do virus amósase moito máis eficaz que aplicar medidas remedio posteriores, sen prexuízo de que aínda así estas medidas sexan aplicadas. Sabemos que o virus SARS-CoV-2 viaxa aloxado nas pingas que unha persoa enferma ou infectada (incluso antes de presentar síntomas), emite ao falar,  tusir ou esbirrar, e que, debido ao seu tamaño, a maior fracción non permanece no aire senón que se deposita sobre as superficies ata 1 e 2 m de distancia e por iso o virus pode transmitirse dunha persoa a outra por contacto directo, ou ao tocar superficies contaminadas e despois tocar a boca o nariz ou os ollos. Estase a valorar así mesmo, que unha pequena fracción de partículas menores podería permanecer durante algún tempo en suspensión no aire.

É polo tanto primordial elevar ao máximo as medidas preventivas, tanto as medidas de hixiene persoal (lavado frecuente de mans e hixiene respiratoria) e de limpeza, como gardar a distancia de seguridade (limitación de aforo, medidas barreira...), o uso de equipos de protección (luvas e máscaras), as outras medidas específicas adaptadas a diferentes sectores de actividade que o Ministerio de Sanidade e outros organismos oficiais están publicando e elaborando. A Xunta de Galicia, a través do ISSGA elaborou e publicou diferentes guías, dípticos e carteis dirixidos a diferentes actividades que se poden consultar neste enlace:

http://issga.xunta.gal/portal/contido/actividade/Coronavirus_Covid_19.html

Por último, e de xeito aclaratorio, cómpre dicir que o concepto “hixienizar”, reflectido nas guías do Ministerio de Sanidade, ten unhas connotacións que non acadan o rendemento dunha desinfección que require ser levada a cabo con produtos testados (neste caso como virucidas) e cun procedemento que asegure eficacia e seguridade. En calquera caso, cando a desinfección non sexa posible, outras técnicas alternativas, por exemplo a aplicación de vapor quente sobre pezas de vestir, o illamento temporal de produtos ou outros tratamentos, poden encadrarse no ámbito da hixienización, sendo absolutamente recomendable e conscientes de que en determinadas situacións a desinfección como tal non pode acadarse de maneira razoable.