Os alumnos do CPR Santiago Apostol de Soutomaior visitaron a Escola Galega de Prevención


  • O obxectivo desta Escola é que os rapaces e rapazas integren o concepto de cultura preventiva transversalmente dende os primeiros anos da súa formación

Rande-Redondela, 5 de febreiro de 2020.- Un total de 50 nenos e nenas de primeiro de primaria do CPR Santiago Apostol de Soutomaior realizaron hoxe unha visita á Escola Galega de Prevención do ISSGA, que ten como prioridade incentivar actitudes e hábitos seguros entre os escolares dun xeito ameno, didáctico e divertido que permita inculcar condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que terán que enfrontarse como futuros empresarios e traballadores.

É importante a implicación e complicidade dos pais, os profesores e a sociedade no seu conxunto para acadar o obxectivo de implantar unha cultura preventiva desde idades temperás e promover medidas preventivas de riscos asociados á vida diaria dos rapaces e aos riscos da súa contorna.

A actividade principal da escola desenvólvese nun espazo dividido en tres zonas diferenciadas por cores nas que a información estrutúrase en catro grandes bloques temáticos: na casa, na rúa, na escola e no fogar.

Deste xeito, na zona de equipamento (verde), os rapaces equipanse con cascos e chalecos e comezan a familiarizarse cos EPI. Hai catro grandes paneis informativos con mensaxes claras e directas que dan acceso á zona audiovisual (amarelo), onde se proxectan videos e se interactúa con escolares sobre temas relacionados coa seguridade (perigo eléctrico, caídas, ..), a hixiene (produtos perigosos, ruído, ...), a ergonomía (mochila, sentarse correctamente, ...) e a psicosocioloxía (acoso escolar, emocións, ...). Por último, na zona de documentación e actividades pódese consultar publicacións, pasatempos e cómics relacionados coa prevención, acceder a través dos equipos informáticos a diversos recursos web, aprender a través de diferentes escenarios a distinguir accións correctas e incorrectas, probar diferentes equipos de protección individual, así como diversos xogos de imáns e cubos relacionados con diferentes profesións e varios paneis e lonas onde se lle lembran diferentes recomendacións que nas súas actuacións deben ter en conta.

A Escola, en coordinación permanente coa autoridade educativa - a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional - , pon a disposición dos centros docentes de toda a Comunidade Autónoma as súas instalacións cos recursos técnicos e humanos precisos para acadar os obxectivos marcados.