Analizamos os riscos derivados da violencia externa no traballo nunha xornada técnica en Ourense


Ourense, 28 de novembro de 2019.- O centro ISSGA de Ourense acolleu hoxe a derradeira das xornadas técnicas que forman parte da programación formativa do instituto para este ano sobre a violencia externa no traballo como risco psicosocial, abordando as formas de intervención preventiva fronte a este tipo de violencia e exemplificando un plan de prevención concreto, de cara a planificar as medidas preventivas que se poden adoptar.

Trátase de actuacións polas que un traballador é agredido física ou verbalmente, ameazado, ou intimidado durante a realización do seu traballo ou como consecuencia directa do seu desempeño. Pode darse en diferentes sectores e en ocasións pode dar lugar a incidentes violentos que deben ser previdos e abordados dentro dun plan de prevención deseñado pola empresa.

Diversos colectivos se están concienciando cada día mais deste tipo de riscos, en especial o colectivo sanitario. Por iso na parte final da xornada abordarase un Plan de prevención de violencia externa dun centro hospitalario público, de forma que se podar ver como abordar este ripo de riscos dende o ámbito preventivo-laboral.

Entre os sectores que poden ser obxecto da violencia externa destacamos as seguintes: xoierías, praterías, galerías de arte e tendas de antigüidades, as estacións de servizo e unidades de subministro de combustible e carburantes, as oficinas de farmacia, administracións de loterías, despachos de apostas mutuas e establecementos de xogo, os bancos, entidades de aforros e demais entidades de crédito, transporte de diñeiro e valores.

Actividades coma a sanitaria (médicos, ATS DUE, auxiliares, técnicos, celadores, etc), as mutuas, os servizos de prevención, a atención a dependencia e os servizos sociais, a axuda a domicilio, a educativa, as ITV, os psicotécnicos, medios de comunicación e espectáculos, servizos de correos e telecomunicacións, transporte, administración pública, etc, poden ser obxecto de violencia externa polos clientes e/ou administrados que acoden a estes servizos.

Estas actividades poden conlevar un risco potencial para a seguridade e saúde das persoas que traballan nestes sectores e actividades se non se toman as medidas preventivas adecuadas e poden provocar danos para a saúde, tanto no ámbito da seguridade como no ámbito psicosocial, que deben ser abordados e previdos antes de que ocorran para poder xestionados e evitar o risco ou minimizar a súas consecuencias.

É obriga do empresario determinar a existencia do devandito risco en cada posto de traballo co obxectivo de eliminalo ou reducilo. Para iso, é indispensable identificar as situacións e planificar as medidas preventivas que procedan.

Con esta actividade formativa pretendemos xerar conciencia preventiva entre todas as persoas, así como informar do risco derivado da violencia externa no traballo que pode existir en determinadas actividades, ofrecer vías de actuación e medidas preventivas fronte a violencia externa no traballo e dar a coñecer o Plan de prevención de violencia externa nun centro sanitario público.