Participamos nun acto de recoñecemento a empresas implicadas coa PRL


Culleredo (A Coruña), 26 de novembro de 2019. A xerente do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, participou nunha sesión informativa organizada por Ibermutua Gallega na que se recoñeceu ás empresas que acreditaron unha singular implicación na prevención de riscos laborais e na que estas tiveron ocasión de expoñer as súas experiencias que propiciaron a recepción do dito recoñecemento.

Esta implicación supón, ademais de permitirlles acceder aos beneficios previstos no Real Decreto 231/2017 (Bonus) por ter diminuído de xeito considerable a sinistralidade laboral e investir en seguridade, acadar unha sociedade mellor, cun tecido empresarial máis forte formado por empresas máis solventes e competitivas e cuns traballadores e traballadoras máis protexidos fronte aos danos para a súa saúde e que son corresponsables e colaboradores necesarios para acadar estes obxectivos.

Como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, o ISSGA debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva a través da participación institucional en congresos, feiras, xornadas e outras actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde laboral, mantendo permanentemente a vocación de colaborar, asesorar tecnicamente, informar e formar, tal como se recolle nos sucesivos seus plans anuais de actividades e na Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020.