Informamos sobre a PRL nos condutores profesionais nunha xornada técnica en Ourense


Ourense, 15 de novembro de 2019. Os accidentes laborais relacionados co tráfico son un dos riscos máis importantes aos que están sometidos os condutores profesionais, podendo producir non só consecuencias físicas senón tamén psicolóxicas. Por iso todos nós, e moi especialmente os condutores profesionais, debemos implicarnos co fin de diminuír o número e gravidade dos accidentes de tráfico.

Esta xornada técnica que tivo lugar no centro ISSGA_Ourense tivo como obxectivo informar sobre a importancia dos aspectos da prevención de riscos laborais nos traballos que levan a cabo os condutores profesionais e presentar dous documentos técnicos elaborados polo Issga en relación con riscos derivados da condución profesional.

Os condutores profesionais están expostos a diversos riscos, derivados tanto da condución de vehículos, como doutros aspectos relativos as labores que realizan durante o seu traballo.

Utilizan o vehículo como centro de traballo: transportistas, mensaxeiros, condutores de servizos de transportes, etc. Son os que máis accidentes de tráfico sofren, xa que a pesar da súa profesionalidade están constantemente expostos ao risco.

Os factores de risco son múltiples aínda que se pode falar de tres ámbitos: a organización, o vehículo e a persoa. Na maior parte dos casos está presente o factor humano.

Asociados a este factor humano inclúense o propio estado de saúde ou a velocidade, que debe adaptarse ás condicións ambientais e da vía. Pero ademais de considerar estes e de respectar todas as normas establecidas no Código de Tráfico e Seguridade Viaria, debemos ter en conta outros factores de risco: fatiga, atención, estrés e alcohol e drogas.

Tamén é importante analizar, dende o punto de vista da xestión, integración da prevención e a coordinación, no sector do transporte de mercadorías por estrada aspectos vencellados aos tempos de traballo, a carga e descarga, a formación o tacógrafo, entre outros.

En todo caso, para acadar reducir os accidentes de tráfico no ámbito laboral, resulta fundamental a sensibilización e formación, o compromiso e colaboración de todos os actores implicados, así como, incluír nas avaliacións de riscos os riscos derivados da seguridade viaria e utilizar ferramentas como os plans de mobilidade.

Publicacións do ISSGA

Dérnse a coñecer dúas novas publicacións técnicas elaboradas polo ISSGA en dous formatos, tríptico e cartel tanto en galego como en castelán, que se entregaron aos asistentes á xornada.

Prevención de riscos laborais para condutores profesionais

A primeira delas sobre PRL para condutores profesionais achega unha visión global de distintos aspectos que poden influír nos traballos que desenvolven os condutores profesionais xa que están expostos a diversos riscos:

  • Seguridade nos lugares de traballo: caídas a mesmo e distinto nivel, caídas de obxectos en manipulación, esmagamento, atropelos, incendios e explosións, ...

  • Hixiénicos: ruído e vibracións, contaminantes químicos, ..

  • Riscos ergonómicos e psicofisiolóxicos: trastornos musculoesqueléticos, fatiga mental e estrés, distraccións, fatiga e sono, ...

  • Estado e mantemento do vehículo: pneumáticos, luces, niveis, revisións, ...

Ademais de analizar os riscos tamén se indican as principais medidas preventivas e as actuacións en caso de accidente

Condutores profesionais_O factor humano na seguridade laboral viaria

O segundo documento que se presentou nesta xornada céntrase no factor humano na seguridade laboral viaria e se analizan o catro riscos principais derivados del (fatiga, atención, estrés e alcohol e drogas) e se indican as principais recomendacións para eliminalos ou reducilos. Estes factores supoñen a maioría dos accidentes laborais relacionados coa seguridade viaria:

  • Fatiga: debido ás intensas xornadas de traballo, sobrecarga física debida á fatiga por manter unha postura de forma prolongada así como a sobrecarga mental debida a un estado de alerta ou atención constante

  • Atención: en moitas ocasións, a monotonía da tarefa e a realización de traxectos habituais, xa coñecidos, diminúen a percepción do risco e orixinan distraccións e excesos de confianza na condución.

  • Estrés: pode aparecer cando se percibe un desequilibrio entre as esixencias ou presións laborais e os recursos dispoñibles para afrontalas. As xornadas extremadamente longas, a dificultade para cumprir cos horarios das rutas programadas, a adaptación continua ao estado do tráfico ou a dificultade para conciliar a vida familiar e laboral poden causar situacións de estrés que, pola súa vez, poden levar a respostas inadecuadas na condución: velocidade excesiva, manobras bruscas, cambios continuos de carril, comportamentos agresivos con outros condutores, etc.

  • Alcohol e drogas: o seu consumo é un dos maiores factores de risco e incrementa sensiblemente a probabilidade de sufrir ou provocar un accidente e as súas consecuencias. Inflúe na capacidade para conducir, deteriorando as capacidades psicomotoras e alterando a conduta: produce somnolencia, perda de control, dificulta a coordinación, distorce a atención, alonga o tempo de reacción, etc.

Durante esta acción formativa, deuse unha visión por parte do INSST sobre os riscos e os accidentes dos condutores no ámbito laboral nas enquisas e estudos. Tamén se abordaron temas relativos a xestión, integración da prevención e a coordinación no sector do transporte de mercadorías por estrada como poden ser os tempos de traballo, a carga e descarga, a formación o tacógrafo, entre outros.

 Factor humano_condutores

 

 

 

 

 

Condutores_profesionais

 

 

 

 

 

 

Factor humano_condutores_cartel