Comeza en Vigo o III Congreso Internacional “A prevención e a seguridade industrial 4.0”


Vigo, 14 de novembro de 2019. Hoxe e mañá ten lugar na Sede AFundación de Vigo este evento sobre as novas ferramentas para a seguridade industrial e a prevención de riscos laborais, que está organizado pola Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), que é seu órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral, o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais (CGETI), que agrupa a todos os colexios oficiais deste colectivo de enxeñeiros e a Asociación de profesionais da seguridade e saúde laboral de Galicia (APROSAL).

Adela Quinzá-Torroja García, xerente do Issga, participou no acto de apertura deste congreso, que constitúe un destacado punto de encontro para o intercambio de coñecemento sobre as novas tecnoloxías e a seguridade e saúde laboral. Alfonso Pérez Santiago e Pablo García Fernández, xefe do centro e técnico de seguridade e saúde laboral do Centro ISSGA_Pontevedra, intervirán esta tarde nunha mesa redonda sobre os accidentes laborais en Galicia: avaliación, políticas e medidas correctoras.

A Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, acordada pola Xunta de Galicia cos interlocutores sociais, ten 6 obxectivos estratéxicos e 163 medidas para a súa consecución; unha delas refírese á promoción e control para un mellor e máis eficaz cumprimento da normativa, na que se subliña a necesidade de fortalecer a implicación das institucións e de todos os actores implicados na mellora da seguridade e saúde laboral e reforzar as colaboración na difusión da prevención de riscos laborais.

Este congreso ten como punto de saída o profundo cambio que se está a dar nos modelos produtivos e todos os procesos da dixitalización. O contido do congreso é ambicioso e abarca gran parte dos novos escenarios que estamos xa a ver e que, sen dúbida, serán a realidade nun futuro próximo: big data, exoesqueletos, cibersegurdiade, robótica colaborativa, etc, interactuando con persoas que deben estar preparadas para evitar danos na súa saúde e convivir, co maior grao de benestar posible, nos centros de traballo. Isto require que a Xunta e todos os implicados nas relacións laborais, demos resposta a estas novas formas de traballo que, sen dúbida, teñen como consecuencia novos riscos e a necesaria adopción de novas medidas protectoras e preventivas para as persoas.

Tamén se afondará neste evento na responsabilidade penal e nos novos conceptos de prevención na economía dixital. Esta visión integral da prevención e da seguridade industrial 4.0 vai ser contada os días 14 e 15 de novembro en Vigo por expertos de recoñecido prestixio e con un carácter internacional.

Debe valorarse que todas estas actuacións en seguridade e saúde laboral teñen demostrado o retorno da inversión realizada en PRL en todos os ámbitos: persoal, social, económico, de competitividade empresarial e, en definitiva, nun emprego seguro e de calidade en Galicia.