Analizamos os riscos ergonómicos e psicosociais e a vixilancia da saúde no sector hoteleiro


A Coruña, 8 de novembro de 2019. Na Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2015-2020 ponse de manifesto a necesidade de impulsar e consolidar a cultura preventiva na sociedade, para o que é imprescindible a implicación e compromiso de todas e todos.

Así mesmo, indica que a mellora das condicións de traballo reduce o custo derivado dos accidentes laborais e das enfermidades profesionais e, por tanto, debe servir de catalizador para o incremento da produtividade das empresas, o crecemento económico, a xeración de emprego no noso país e para mellorar a calidade de vida das persoas traballadoras.

Na mesma sintonía, a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, no seu Obxectivo 5 establece “Promover a mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, con especial atención a sectores, actividades empresariais, colectivos e empresas que presentan maior risco”.

A hostalería, e máis en concreto os establecementos hoteleiros, son sectores clave na economía, con preto de 15.000 establecementos hoteleiros en España e un aumento sostido ao longo dos últimos anos. Sen embargo, as condicións laborais neste sector non se corresponden coa súa puxanza, e casos como o das “kellys” adquiriron notable repercusión mediática e social. Este colectivo altamente feminizado, que non sofre riscos graves de seguridade, en cambio experimenta altas demandas de carga física e mental, con notables repercusións para a saúde.

Nesta xornada que tivo lugar hoxe no centro ISSGA da Coruña presentáronse dúas novas guías para a xestión dos riscos deste sector. Por unha banda, a “Guía para a xestión e avaliación dos riscos ergonómicos e psicosociais no sector hoteleiro”, publicada polo INSST e presentada recentemente a nivel estatal, e por outra a “Guía da vixilancia da saúde dos traballadores da hostalería”, esta elaborada pola Generalitat Valenciana.

Tamén se expuxo o punto de vista da experiencia das Illas Canarias, unha das autonomías con maior actividade turística, con preto de 16 millóns de visitantes anuais, e na que o sector supón case o 30% do PIB.