Comezaron os cursos de seguridade en maquinaria no sector da construción organizados polo ISSGA


Santiago, 31 de outubro de 2019. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) organiza tres cursos de “Seguridade en maquinaria. Medidas preventivas para operadores de retrocargadora mixta” que teñen como obxectivo a actualización ou perfeccionamento de coñecementos teóricos, destrezas e métodos de produción, dirixido a operadores de retrocargadora mixta, necesarios para conseguir unha mellora no manexo da máquina nas operacións de carga, descarga, escavación e circulación, integrando todas as medidas de PRL necesarias.

O programa formativo, 30 horas lectivas repartidas en catro xornadas consecutivas – 6 horas teóricas e 24 horas prácticas -, inclúe catro unidades didácticas nas que se explican os riscos implícitos ao manexo desta máquina e cales son as medidas preventivas para minimizalos, se repasan as pautas e revisións previas ao arranque, as operacións seguras técnicas básicas relacionadas coa ubicación, desprazamento e peche seguro da operación.

Realizaranse prácticas con movementos de terra, tendo en conta entre outros as características do terreo e as distancias de seguridade e, finalmente, detállase como realizar un mantemento preventivo seguro.

Os destinatarios desta actividade formativa son prioritariamente os/as traballadores/as do sector da construción e afíns que sexan persoal traballador autónomo ou empregados de pemes ou micropemes co fin de promover e garantir así a protección eficaz da saúde e a seguridade dos traballadores destes colectivos en todos os lugares de traballo, con independencia do seu tamaño, mantendo a prioridade nos programas de actuación en materia prevención de riscos laborais. Ademais, poderán recibir esta formación outros traballadores do sector de construción e afíns, e persoas en situación de desemprego.

Esta ano terán lugar tres edicións deste curso, cun total de 36 prazas ofertadas – 12 por curso; a primeira delas remata hoxe en Santiago de Compostela, a seguinte será en Vilamarín (Ourense) do 4 ao 7 de novembro e a derradeira, do 11 ao 14 de novembro en Vigo.

 

IMG_20191029_aula_2