Preto de 250 persoas asistiron ás xornadas técnicas sobre prevención de accidentes nos traballos en altura


  • O obxectivo foi promover coñecemento para un traballo seguro e, deste xeito, diminuír a sinistralidade laboral neste tipo de traballos e contribuír a un emprego de maior calidade

A Coruña, 11 de outubro de 2019. Hoxe tivo lugar a terceira e derradeira das xornadas técnicas sobre prevención de accidentes nos traballos en altura organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga).

Trátase dunha xornada técnica na que os asistentes recibiron información sobre os accidentes laborais por caídas de altura en Galicia; a importancia da prevención de riscos laborais e, en concreto, nos traballos en cubertas; así como a importancia da innovación na formación e concienciación neste tipo de traballos no sector da construción e a súa realización segura.

A xornada forma parte da campaña do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) de prevención de accidentes nos traballos en altura coa celebración de xornadas en Ourense (9 de outubro), Lugo (10 de outubro) e A Coruña (11 de outubro), nas que participaronp preto de 250 persoas. A formación compleméntase con accións de sensibilización e reparto de material informativo, así como actividades formativas dirixidas a autónomos e pequenas e medianas empresas.

O obxectivo é promover coñecemento para un traballo seguro e, deste xeito, diminuír a sinistralidade laboral e contribuír a un emprego de maior calidade. A acción enmárcase na Estratexia de seguridade e saúde no traballo ata 2020.