O Issga participa en Madrid no II Congreso Prevencionar


Madrid, 4 de outubro de 2019. Os profesionais do ámbito da prevención de riscos laborais teñen os días 3 e 4 de outubro unha cita no II Congreso Prevencionar, que se celebra en Madrid co obxectivo de concienciar sobre a importancia da prevención nas organizacións e coñecer as mellores prácticas e tendencias no campo da seguridade, a saúde e o benestar.

O título desta II Edición “Desde a Teoría á Práctica” busca vincular dúas realidades de coñecemento provenientes do ámbito da universidade e do da empresa. Servirá, por tanto, de punto de encontro entre teoría e experiencia para profesionais de recursos humanos, comunicación, directivos ou mandos intermedios.

A II Edición do Congreso pretende estender as boas prácticas de profesionais, asociacións, empresas e entidades no campo da seguridade, a saúde e o benestar, así como dar a coñecer aqueles proxectos gañadores e finalistas que se coñecerán nesta edición.

O ISSGA colabora activamente neste evento; Adela Quinzá-Torroja García, xerente, participa na presentación do congreso, xunto con Agustín Sánchez-Toledo (director do congreso Prevencionar), Joaquín Nieto (director da Oficina da OIT para España), Francisco Javier Pinilla (director do INSST), Mª Jesús Terradillos (directora da Escola Nacional de Medicina do Traballo do Instituto de Saúde Carlos III) e Guillermo García (Universidade Internacional da Rioxa).

Durante a xornada de hoxe, Adela Quinzá-Torroja tamén forma parte do grupo de relatores que participarán no debate sobre o liderado feminino no sector da PRL, que estará moderado por Alberto Alonso Martín, director xeral de OSALAN e no que tamén intervirán a directora do Instituto Asturiano de PRL, Miriam Hernández-Fernández, a subdirectora Xeral de Fraternidade-Muprespa, Natalia Fernández Laviada e a directora de RRHH en QuironPrevención, Maria González Zotes.

Pola súa banda, Encarnación Sousa Rodríguez, subdirectora xeral Técnica e de Planificación do ISSGA, impartirá esta tarde un relatorio sobre os nanomateriais: novos retos para a prevención de riscos laborais.

Ademais, ambas integran os xurados que avaliarán os pósteres e vídeos que se presentaron a esta edición do congreso.

Como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, o ISSGA debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva a través da participación institucional en congresos, feiras, xornadas e outras actividades relacionadas coa prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde laboral, tanto de ámbito autonómico como nacional ou internacional, difundindo as actividades e traballos realizados polo Instituto.