Unha xornada da Xunta analiza este venres en Redondela a prevención de riscos laborais no eido do mergullo profesional


  • O centro do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) no concello pontevedrés acolle un encontro no que se dan a coñecer as medidas de seguridade necesarias para unha práctica segura neste ámbito
  • Diferentes expertos abordan as normas técnicas aplicables e a utilización de equipos de protección individual, entre outros aspectos

Redondela (Pontevedra), 20 de septiembre de 2019. O centro do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) no concello pontevedrés de Redondela acolle este venres, día 20 de setembro, unha xornada técnica centrada na prevención de riscos laborais no eido do mergullo profesional.

Así, contando coa participación de diferentes expertos na materia, danse a coñecer as medidas de seguridade necesarias para unha práctica segura neste ámbito, ademais de abordar as diferentes normativas técnicas aplicables e a utilización de equipos de protección individual, entre outros aspectos.

O encontro impulsado polo organismo dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria está dirixido a profesionais do mergullo, técnicos de seguridade e saúde no traballo, servizos de prevención, e médicos de medicina do traballo e a prevención, así como profesores e instrutores de mergullo, empresarios, traballadores de sindicatos e delegados de prevención.

Esta actividade enmárcanse na aposta da Xunta pola promoción dunha cultura baseada na seguridade e na saúde de traballo, na que seguirá avanzando, complementando a actividade de control con campañas e xornadas informativas dentro da súa Estratrexia de seguridade e saúde no traballo.