Hoxe no centro do ISSGA de Pontevedra, xornada técnica sobre riscos laborais en clínicas veterinarias


O ISSGA no seu centro de Pontevedra desenvolveu hoxe unha xornada dedicada a prevención de riscos laborais en clínicas veterinarias coa participación activa deste colectivo que correu a cargo Ignacio R. García Gómez. Como puntos resumen tratados na xornada técnica destacan a definición da profesión veterinaria e as súas áreas, a identificación dos riscos asociados á actividade, a avaliación dos mesmos e a proposta das medidas correctoras para o control dos riscos ligados á esta profesión.

O obxecto desta xornada é dar a coñecer os riscos aos que están expostos os traballadores dos centros veterinarios, que son un colectivo que leva asociados na súa actividade diaria entre outros, os seguintes riscos:

  • exposición a axentes físicos
  • exposición a axentes químicos
  • exposición a axentes biolóxicos
  • de seguridade
  • ergonómicos

Ademais, os traballadores destes centros fan fronte cada día a unha serie de doenzas propias dos profesionais sanitarios, como a exposición a medicamentos ou trastornos psicosociais, por exemplo a tensión provocada pola presión laboral.

De conformidade con Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017-2020 e o plan de actividades 2019, desde o ISSGA seguiremos realizando actuacións de sensibilización, información e formación en materia de prevención de riscos laborais para asentar dinámicas e prácticas seguras de traballo neste colectivo.