Informamos sobre as cuestións clave do novo marco normativo no ámbito profesional da prevención e o control da lexionela


Rande-Redondela, 19 de xuño de 2019. O centro Issga de Pontevedra (Rande-Redondela) acolle hoxe una xornada sobre “Prevención e control da lexionela. Actualización da Norma UNE 100030:2017” que conta coa asistencia dunhas 70 persoas.

Obxecto

A Legionella é unha bacteria que se atopa na auga, xa sexa de maneira natural ou artificial. Cun total de 48 especies enmarcadas dentro deste xénero, é a Legionella pneumóphila a que produce a lexionelose. Esta enfermidade preséntase como unha pneumonía con febre alta, cunha incidencia en España de 3 casos por cada 100.000 habitantes, supoñendo uns 1000 casos ao ano.

A lexionela entraña un risco real para as persoas, sobre todo para aquelas que superen os sesenta anos, para os fumadores ou cun sistema inmunolóxico debilitado. O contaxio pode producir unha infección pulmonar caracterizada por pneumonía con febre alta, aínda que tamén pode presentarse en forma non pneumónica como “Febre de Pontiac”, que se manifesta como un síndrome febril agudo.

O obxecto desta xornada é dar a coñecer e explicar as cuestións clave do novo marco normativo que se establece en España no ámbito profesional da prevención e o control da lexionela en instalacións de auga, coa entrada en vigor en abril de 2017 da nova Norma UNE 100030:2017, que substitúe á Norma UNE 100030:2005 que cita el Real Decreto 865/2003, polo que se establecen os criterios hixiénico-sanitarios para a prevención e control da lexionelose.

Aspectos a tratar

Nesta xornada trataranse temas claves do novo marco normativo. Milagros Fernández de Leceta, directora xeral da Asociación nacional de empresas de sanidade ambiental (Anecpla), comezará a xornada falándonos de que a nova norma UNE 100030:2017 xurde da necesidade de actualizar o Real decreto 865/2003 xa que, despois de máis de 10 anos desde a súa implantación, os contidos deste Real decreto non eran suficientes para abordar o problema que a proliferación e diseminación da lexionela estaba tendo en España. Polo tanto, era necesario actualizar aspectos técnicos e a experiencia acumulada durante estes anos. A continuación, Gemma Carrión Galindo, directora técnica do laboratorio Aerobia Ambiental, falará da nova norma UNE EN ISO 11731 sobre reconto de Legionella por cultivo, con grandes cambios no procedemento de ensaio, o protocolo de toma de mostras e análises da Legionella spp e a periodicidade dos controis por tipo de instalación. Ademais da controversia xerada en relación coa formación do personal da toma de mostras e o uso crecente dos ensaios rápidos alternativos ao cultivo, sen esquecer cales son os criterios que definen a solvencia técnica das empresas.

Tras o descanso, Paulino Pastor Pérez, presidente da Federación de empresas de calidade ambiental en interiores (Fedecai) e director xeral de Ambisalud, comentará os detalles aplicables aos diferentes tipos de instalacións a previr e controlar, as prácticas e protocolos profesionais a seguir para cumprir adecuadamente coa nova norma UNE 10030:2017, e as instalacións de risco e requisitos do persoal titular da instalación.

Xa por último, Víctor Miguel del Campo Pérez, xefe do Servizo de medicina preventiva e da unidade de prevención de riscos laborais do Chuvi, informaranos sobre a experiencia no Chuvi (Sergas) e os novos protocolos de actuación e desinfección.

Obxectivos que se pretenden alcanzar

Coñecer, entre outros:

  • O novo marco normativo en lexionela que entrou en vigor en abril de 2017

  • As cuestións claves do novo marco normativo

  • Os detalles aplicables aos diferentes tipos de instalacións a previr e controlar

  • As prácticas e protocolos profesionais a seguir para cumprir adecuadamente coa nova norma UNE 100030:2017

  • Protocolo de toma de mostras e análise de Legionella spp

Destinatarios

Profesionais da Seguridade e Saúde no traballo, responsables de recursos humanos, responsables do mantemento dos titulares das instalacións de auga con risco de proliferación e diseminación de Legionella, laboratorios de análises, asesores de xestión preventiva, auditores de sistemas de prevención de riscos laborais, enxeñerías e consultores de instalacións de auga e inspectores e técnicos da administración pública sanitaria con competencias en prevención e control da lexionela, instaladores e outros profesionais relacionados na prevención e control da lexionela, directivos e xerentes, sindicatos, delegados de prevención, etc.