A Xunta premia os mellores traballos escolares sobre prevención de riscos laborais


Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2019. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Santiago de Compostela a importancia de inculcar desde idades temperás a cultura da prevención de riscos laborais. Conde participou na entrega de premios da campaña Seguridade e Saúde + Cerca da Escola organizada por primeira vez en Galicia pola Fundación Laboral da Construción e a Xunta, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).

A iniciativa estivo dirixida a rapaces e rapazas de entre 6 e 11 anos de 8 centros de ensino da Comunidade co obxectivo de facerlles conscientes do importante que é a cultura da prevención na vida diaria e do importante que é nos contornos de traballo. “A prevención é o mellor premio posible”, subliñou.

En total, participaron 671 alumnos e alumnas. Nesta ocasión, os gañadores foron os debuxos e traballos presentados por Clara Sueiro Nespereira do colexio María Auxiliadora-Salesianos de Ourense, que se levou o primeiro premio; Ainhoa Moar Álvarez, do CPR A Milagrosa de Lugo, en segunda posición; e Valentina Castro Bustamante, do colexio plurilingüe Calasancias da Coruña, que obtivo o terceiro premio.

O conselleiro agradeceu á Fundación Laboral da Construción, ao ISSGA e aos centros educativos que colaboraron coa campaña a súa implicación. Para a Xunta a prevención e o compromiso coa seguridade laboral son unha prioridade a través da Estratexia de seguridade e saúde no traballo, coa que o Goberno galego busca a redución dos accidentes laborais, incidir na formación e, en definitiva, garantir un emprego seguro e de calidade. A través desta planificación leváronse a cabo no primeiro trimestre 6538 actuación, un 34% máis que no mesmo período de 2018.