A Escola de prevención do Issga forma a 110 traballadoras do mar


O Issga organizou durante o primeiro semestre deste ano oito talleres teórico - prácticos de prevención de riscos laborais dirixidos a evitar ou minimizar especificamente os trastornos musculoesqueléticos (TME) das mariscadoras, percebeiras, redeiras e traballadoras do sector da pesca artesanal. 

Estes TME orixinan a maioría dos accidentes de traballo e enfermidades profesionais neste colectivo.

Coñecedores tanto dos riscos laborais como dos posibles danos para a saúde da actividade laboral das traballadoras ás que se destinan estes talleres, permítenos afondar no obxectivo principal deste proxecto, que é a aprendizaxe e a integración como hábito diario por este colectivo das técnicas preventivas e boas prácticas. Isto permitiralles desenvolver a súa actividade nas mellores condicións de seguridade e saúde laboral.

As ensinanzas teórico-prácticas dos talleres permiten minimizar os riscos ergonómicos presentes na actividade destas mulleres e derivados principalmente das posturas forzadas, aplicación de forzas, movementos repetitivos e da manipulación de cargas e polo tanto minorar as consecuencias na súa saúde e benestar.

A Escola de Prevención está deseñada para previr as lesións e mellorar a calidade de vida das profesionais do mar, especialmente aquelas que se dedican a traballos que castigan tanto as articulacións e producen un número tan elevado de trastornos musculoesqueléticos, como son o marisqueo a pé, a extracción de percebe a pé e o traballo das redeiras. Grazas a estes talleres preténdense conseguir os seguintes obxectivos:

  • Fortalecer diferentes grupos musculares 
  • Relaxar partes sobrecargadas
  • Estirar zonas acurtadas
  • Previr futuras lesións
  • Fomentar hábitos posturais saudables
  • Conseguir un menor número de lesións e por tanto de baixas laborais.

Ademais do anteriormente exposto, tamén se pretende a adquisición dunha serie de coñecementos en materia de prevención de riscos laborais:

  • Coñecer os riscos ergonómicos do seu traballo e a maneira de minimizalos.
  • Adquirir coñecementos sobre as enfermidades profesionais máis frecuentes nos seus colectivos laborais e como actuar ante as mesmas (comunicación, tramitación dunha IT, etc.).

IMG_20190425_191835_resized_20190430_124421798

 

Para que estes talleres teñan a utilidade que se pretende considérase fundamental contar coa implicación das confrarías de pescadores e as asociacións de mariscadoras e redeiras.

Falamos en feminino xa que o 90 % das traballadoras do sector do marisqueo a pé, redeiras e percebeiras son mulleres.

Esta acción formativa complementa o continuo e constante labor do Issga tanto co sector da pesca como cos sectores feminizados como cos traballadores/as autónomos/as, entre os que destacamos, ademais doutras actividades formativas e informativas, o Programa de recoñecementos médicos específicos para os traballadores/as autónomos/as dirixido a favorecer a detección de enfermidades profesionais ou patoloxías laborais propias da súa actividade laboral.

O programa que se imparte abrangue catro bloques xerais: os principios básicos da prevención, a ergonomía, método de traballo e medidas preventivas, as enfermidades profesionais na actividade do sector e, por último, a mellora da condición física da persoa traballadora.

A metodoloxía de traballo foi eminentemente práctica, por iso é importante que cada alumna tivera, ademais de todo o material didáctico, o seguinte equipamento:

a. Esteira

b. Cintas Theraband

c. Pelota

d. Fit ball

e. Caderno e bolígrafo

As alumnas dispuxeron de todo o material didáctico nunha plataforma formativa. Esta formación está orientada a que elas continúen a facer estes exercicios na súa casa e de aí a importancia que ten o material didáctico que se lles entrega. Existe un enfoque deste aprendizaxe preto das alumnas e continuo no tempo dun ano dende que finalizan o taller.

A duración de cada curso foi de 15 horas, repartido en 5 días, cun mínimo de 10 e un máximo de 15 alumnas.

Durante este ano 2019 realizáronse 8 talleres repartidos por toda a costa galega nos que participaron 110 persoas.

 

Lugar

Datas

Moaña

26 de marzo a 5 de abril

Baiona

24 a 30 de abril

Mugardos

23 a 29 de abril

Cedeira

23 a 29 de abril

Noia

20 a 24 de maio

Illa de Arousa

24 a 30 de maio

Raxó

31 de maio a 6 de xuño

Corme

31 de maio a 6 de xuño