O ISSGA imparte formación sobre PRL na electromecánica de vehículos no IES Lois Peña Novo de Vilalba


 Vilalba, 31 de maio de 2019

Esta acción formativa estrutúrase en tres bloques de contidos. O primeiro deles trata da importancia da seguridade e a saúde no traballo e da cultura preventiva, dos riscos en xeral e da importancia de previlos, facendo referencia a que é o ISSGA e cales son as súas actividades; a segunda parte céntrase nos riscos hixiénicos na automoción e a súa prevención. Finalmente impartiranse principios básicos de primeiros auxilios, con contidos teóricos e prácticos.

Nesta actividade participan Mª del Pilar Rodriguez González, María Carmen Arias López e e María García Díaz, persoal técnico de prevención do centro do ISSGA de Lugo.

Tal e como se recolle nos sucesivos plan de actividades do ISSGA, unha das súas funcións máis importantes é a de colaborar coa autoridade educativa, a universidade e os centros de investigación para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos de prevención de riscos laborais.

Por isto, este organismo desenvolve actividades que teñen por finalidade mellorar a información, sensibilización e formación no eido da prevención de riscos laborais na poboación escolar nos diferentes niveis educativos da educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e o apoio técnico ao profesorado.