Avaliamos a rendibilidade da acción preventiva nas organizacións


Rande-Redondela, 10 de maio de 2019. O centro ISSGA – Pontevedra acolle hoxe a xornada técnica “Integración do custo-beneficio na acción preventiva” co obxectivo de concienciar do valor engadido substancial que se xera cando o beneficio económico vai ligado a melloras de índole social e á implicación dos propios traballadores.

A adecuada actuación en materia de PRL é unha vía importante, non só para facer unha contribución neta á conta de resultados, senón tamén para acometer a análise da incidencia da acción preventiva integral na mellora da produtividade e a competitividade, mesmo que non sempre sexa fácil dar coa relación causal directa que a determina.

Historicamente o beneficio das empresas ten sido contemplado desde unha óptica moi centrada no rendemento económico. Non obstante, na actualidade e desde hai xa un tempo, a análise da rendibilidade recolle aspectos sociais que tamén deben ser contemplados. En definitiva, a análise desde a óptica socio-económica é moito máis acertada e adecuada para medir a rendibilidade e, neste ámbito, o estudo da rendibilidade da prevención de riscos laborais nas empresas toma especial relevancia.

Por outro lado, a xestión das condicións psicosociais é o marco fundamental para a resiliencia e a rendibilidade sostible da organización. A súa xestión intelixente implica, entre outras cousas, identificar, valorar, cuantificar e poder comparar a evolución dos tres niveis sinalados: sistema, condicións e resultados.

Un destes resultados intermedios é a experiencia de estrés laboral que, á súa vez, pode ter importantes repercusións económicas para a organización, a sociedade, e as persoas: absentismo, perda de talento e da capacidade para innovar, erros e accidentes, etc.

Nesta xornada técnica trátase de afondar nestes aspectos, co apoio de exposicións teóricas seguidas de aplicacións prácticas utilizando modelos que permiten avaliar as relacións entre a xestión das condicións psicosociais e os resultados da organización, incidindo nos custos relacionados co estrés laboral. En particular, amosouse o modelo desenvolvido por Audit & Control Estrés conxuntamente co INSST en 2015.

É importante acadar que os asistentes poidan enfrontarse á avaliación da rendibilidade da acción preventiva nas súas organizacións, tomando en consideración tanto os valores tanxibles e intanxibles que esta xeraría, como a súa posible contribución á mellora da produtividade e a competitividade, de acordo cos criterios metodolóxicos desenvolvidos polo INSST. Todo isto procurando o consenso e o pragmatismo entre empresarios e xestores da prevención e ámbitos afíns.