Analizamos novas ferramentas para a formación en PRL en dúas xornadas técnicas en Lugo e Ourense


Santiago, 11 de abril de 2019. O ISSGA organiza dúas xornadas sobre formación en prevención de riscos laborais, hoxe no seu centro de Lugo e mañá no de Ourense, nas que se analiza o estado actual da formación en prevención e se dan a coñecer novas ferramentas de formación en PRL, como son a gamificación e a realidade virtual.

Os destinatarios destas xornadas son técnicos de prevención de riscos laborais, delegados de prevención, empresarios, traballadores e estudantes interesados na materia.

A Lei de Prevención de riscos laborais establece a obriga do empresario de garantir que cada traballador reciba unha formación teórica e práctica, suficiente e adecuada en materia preventiva. Con esta actividade buscamos achegar a empresarios e traballadores novas ferramentas formativas que aproveiten as vantaxes que ofrece a tecnoloxía e a innovación no campo da PRL.

Como punto de partida, farase unha análise da formación en PRL en España, centrada en estudar as vías correctas para dar cumprimento á obriga empresarial de formar a cada un dos traballadores en materia preventiva e mediante unha viaxe no tempo veranse os diferentes mecanismos formativos que se teñen utilizado en materia de prevención de riscos laborais e como se poden tratar nestes momentos coas novas tecnoloxías.

Existen diferentes aplicacións que se poden utilizar para aumentar a competitividade das empresas, mellorando o traballo en equipo, a avaliación do desempeño e o comportamento.

Moitas disciplinas están a beneficiarse das novas ferramentas formativas e a prevención de riscos laborais non se debe quedar atrás. O potencial que ten o xogo ou a lúdica para fomentar unha cultura de traballo seguro é moi alto, debido a que actúa como disparador ou introdución a temas novos, diagnóstico de coñecementos previos, forma de avaliar temas desenvolvidos, estratexia de integración e motivación. Ademais, o docente deixa de ser o centro e pasa a ser un facilitador da aprendizaxe, un condutor da clase. A diferenza da instrución, o xogo involucra o conxunto da personalidade e potencia a aprendizaxe significativa.

Debemos cuestionamos sobre a efectividade das metodoloxías tradicionais de formacións e investigar novas formas que melloren a calidade dos procesos de ensino e aprendizaxe.

Temos que acadar que as horas que estamos a investir en formar aos traballadores se utilicen eficientemente polo que é importante buscar diferentes técnicas que axuden a mellorar a avaliación, a predición, a vixilancia e os procesos educativos.

Unha delas é a gamificación, que usa elementos de xogo en contextos non lúdicos, isto quere dicir que actividades que nada teñen que ver con estratexias de recreación e diversión, introducen elementos e estruturas propios dos xogos, como poden ser un conxunto de regras, competencias ou premios, para motivar a participación activa das persoas involucradas.  A gamificación aplica os tres principios básicos en que se basea calquera  tipo de xogo: a mecánica do xogo, as dinámicas de xogo e os compoñentes do xogo. Estes elementos nos permiten involucrar ao usuario de maneira dedicada e divertida nas actividades que se pretenden realizar e establecer as motivacións persoais de cada individuo para participar na actividade gamificada.

Nos últimos anos a tecnoloxía de realidade virtual experimentou un gran avance, buscando experiencias máis inmersivas, que poñan ao usuario no centro da acción. A realidade virtual é unha tecnoloxía que xa forma parte do presente, e debemos tela moi en conta porque se converteu nunha ferramenta imprescindible para a prevención de riscos laborais e, por tanto, para reducir os accidentes nas empresas.

En todo caso, non debemos esquecer que o contido formativo debe ser o principal motor que impulse as mecánicas do xogo, de alí a responsabilidade do docente para controlar e mediar a gamificación nas diferentes áreas.

Esta actividade forma parte da programación formativa incluída no Plan de actividades do ISSGA para 2019 e recolle o establecido en diversas liñas da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, entre elas as de promover actuacións de intercambio de boas prácticas no ámbito da seguridade e saúde no traballo e a organización de xornadas técnicas para sensibilizar sobre a seguridade e saúde no traballo e compartir experiencias.

Aplicación do ISSGA

Dende o ISSGA estamos a traballar nunha aplicación denominada Alertas_ISSGA que ofrece ás persoas traballadoras unha ferramenta de información e sensibilización sobre boas prácticas en PRL en distintas actividades, de xeito didáctico, ameno e sinxelo. 

O obxectivo é achegar os contidos técnicos das nosas publicacións de xeito gamificado para que a información sexa accesible en todo momento, por exemplo, a través de dispositivos móbiles, e adaptarnos continuamente ao uso das novas tecnoloxías.

A seguridade é o reto que todos debemos integrar a cotío no noso traballo, por iso tratamos de aprender a previr os riscos laborais a través do xogo.

Estamos a traballar en diferentes actividades, das cales xa temos dispoñibles as seguintes.

1. A motoserra

2. Forestal_árbores apoiadas

3. Forestal_árbores sentadas

4. Amianto