Impartimos en Santiago un curso de epidemioloxía laboral e vixilancia da saúde colectiva


Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019. Hoxe remata esta actividade formativa que ten lugar na sede do ISSGA e na que durante estes dous días está a proporcionar ao persoal técnico do ISSGA as competencias básicas necesarias para afrontar a implantación dunha estratexia de vixilancia da saúde colectiva na empresa.

Esta acción formativa forma parte da programación formativa da Escola Galega de Administración Pública e se realiza en colaboración co Instituto Nacional de Seguridade e Saúde Laboral (INSST) cuxos técnicos, Marta Zimmermann e Jerónimo Maqueda, serán os seus docentes.

A vixilancia da saúde no traballo móvese entre dous enfoques complementarios. Por unha banda, a vixilancia individualizada, enfocada a cada traballador ou traballadora e doutra banda unha dimensión colectiva, a vixilancia epidemiolóxica, que vai máis aló dos resultados individuais para poder valorar a repercusión que teñen as condicións de traballo, non soamente sobre a saúde do individuo, senón sobre todo o colectivo.

A vixilancia epidemiolóxica ten como obxectivo coñecer o estado de saúde do conxunto de traballadores e resulta imprescindible para poder describir a importancia dos efectos dos distintos factores de risco laboral en poboacións determinadas, explicar ou sospeitar as causas dos danos relacionados co traballo, identificar grupos de traballadores expostos a riscos específicos, preparar estratexias preventivas para eliminar o risco ou atenuar as súas consecuencias, priorizar e avaliar a efectividade das devanditas medidas preventivas así como valorar a eficacia do plan de prevención de riscos laborais a través da evolución do estado de saúde do colectivo de traballadores.

A responsabilidade da vixilancia epidemiolóxica para por ser unha ferramenta que, mediante a súa función de recompilación, análise e achega de información sobre as situacións de risco ou sobre os problemas de saúde, permite utilizar esa información para axustar ou modificar as actuacións previas que conducen ao problema obxecto de vixilancia. Con esta visión, a vixilancia epidemiolóxica non se ten que limitar á observación dos efectos adversos sobre a saúde, senón que pode dirixir o foco a calquera outra actuación ou obxecto de observación da cadea preventiva.

Así concibida, a vixilancia epidemiolóxica deixa de ser un ámbito de exclusiva responsabilidade dos profesionais sanitarios para pasar a ser unha necesidade da xestión preventiva da saúde no traballo que require do traballo coordinado da empresa e os diferentes profesionais da prevención e a saúde.

Principais obxectivos da vixilancia da epidemioloxía no traballo:

  • Coñecer a frecuencia coa que ocorren e a maneira en que se distribúen na poboación traballadora de interese os problemas específicos de saúde, ben sexan enfermidades, lesións accidentais ou exposicións a riscos laborais.

  • Monitorizar a tendencia que seguen no tempo os problemas de saúde e de exposición a riscos.

  • Detectar e valorar con rapidez as situacións de agregacións inesperadas de casos, ben sexan de procesos emerxentes ou repuntes de enfermidades ou exposicións de risco xa coñecidas.

  • Achegar información necesaria para a toma de decisións no ámbito da empresa e do servizo de prevención sobre medidas de control e prevención a curto prazo e sobre estratexias preventivas de maior alcance.

  • Avaliar a validez e efectividade dos plans e accións preventivas emprendidas.

  • Axudar á formulación de hipótese que requiren de posteriores deseños de investigación epidemiolóxica.

Durante o curso se abordarán os seguintes conceptos:

1. Introdución á vixilancia colectiva da saúde

2. Introdución á epidemioloxía

3. Sistema de vixilancia colectiva na empresa

4. Principais deseños epidemiolóxicos aplicables á vixilancia da saúde colectiva

5. Estudo de agregados de casos en vixilancia colectiva

6. Diagnóstico de saúde para a vixilancia colectiva

7. Introdución a programas de intervención en saúde colectiva

Formación interna

Debido aos numerosos avances no eido da PRL e ao dinamismo da materia, considérase preciso elaborar unha oferta formativa para o persoal do Instituto que inclúa cursos de formación sobre temas relacionados coa seguridade e saúde laboral, co fin de actualizar e afondar os seus coñecementos relacionados coas actividades que desenvolve, ou con temas preventivos novos e de actualidade sobre PRL.