Máis de 150 persoas asisten na Coruña a unha xornada sobre o formaldehido


A Coruña, 5 de abril de 2019. O Centro ISSGA – A Coruña acolleu hoxe a xornada técnica “O formaldehido e a súa toxicidade” organizada polo ISSGA en colaboración con MC Mutual e na que participaron más de 150 persoas.

A base de datos do sistema internacional de información sobre canceríxenos no lugar de traballo CAREX 1999, estimaba en 971.000 o número de traballadores expostos na UE15. Pero dos aproximadamente 21 millóns de toneladas producidas anualmente, case a metade emprégase para facer as resinas de formaldehido, que son adhesivos extremadamente fortes e empréganse nas industrias de taboleiros de madeira, papeleiras e de plásticos. En Galicia o sector da fabricación de taboleiros de madeira utiliza diariamente mesturas que conteñen formaldehido. Tamén poden estar expostos anatomopatólogos e outro persoal de laboratorio do sector sanitario

O formaldehido é unha substancia que se produce naturalmente nos mamíferos como consecuencia do metabolismo oxidativo, e forma parte de froitas e outros alimentos. Ademais destas fontes naturais, outras fontes de exposición extralaborais inclúen os procesos de combustión: os escapes dos automóbiles son a maior fonte de formaldehido no aire, tamén as emisións de plantas de enerxía, incineradoras, refinerías, e caldeiras de calefacción. Tamén se atopa no fume de tabaco. Pódese liberar formaldehido de taboleiros aglomerados de madeira, alfombras, pinturas e vernices, ao cociñar algúns alimentos e polo seu uso en desinfectantes e conservantes. No aire, o formaldehido ten unha vida curta, porque se elimina por procesos fotoquímicos, precipitación e biodegradación por bacterias. Pero ademais pode haber absorción dérmica pola súa presenza en cosméticos, e por contacto con tecidos e outros produtos de consumo que o conteñan.

A exposición laboral a formaldehido pode darse nunha ampla variedade de tarefas e industrias: en construción o vernizado de mobles e chans de madeira e o uso de las minerais, no acabado dos téxtiles, a industria da confección, o tratamento peles e en fundicións; tamén están expostos traballadores sanitarios, das industrias do papel, abrasivos, gomas e da propia fabricación desta substancia.

Á ubicuidade desta substancia e a ampla variedade de fontes de exposición laboral e extralaboral, engádese a consideración dos seus perigos toxicolóxicos, pois ademais da posibilidade de irritación e queimaduras graves por contacto, é tóxico por todas as vías de entrada, suponse que é un carcinóxeno para o home, sospéitase que é mutáxeno, e clasifícase como sensibilizante porque pode provocar reaccións alérxicas na pel. En España, en 2018 adoptouse un VLA-ED para esta substancia, para a que ata entón só se fixou un VLA- EC.

Como se indicou anteriormente, recentemente adaptáronse os valores límite ambientais para o formaldehido, en liña cos valores propostos polo comité científico europea, segundo o cal non se esperan efectos adversos (incluíndo efectos canceríxenos) se se respectan estes novos valores límite. Con todo, o formaldehido está clasificado como canceríxeno (cat. 1 B) e mutaxénico (cat. 2), polo cal é de aplicación o RD 665/1997, o que implicaría que a exposición debería ser o máis baixa posible.

Esta aparente contradición expón diversas cuestións que foron analizadas polos relatores desta xornada, como, por exemplo se é aceptable unha concentración de formaldehido no posto de traballo próxima aos niveis ambientais; se a exposición a formaldehido das mulleres embarazadas/lactación materna leva un risco adicional se as concentracións están por baixo dos valores límite; se ten sentido aplicar con precisión o RD 665/1997 no caso de formaldehido ou mesmo en que debería consistir a vixilancia de saúde, considerando os posibles efectos tóxicos desta substancia.