Estivemos no IES “Ánxel Fole” de Lugo impartindo unha xornada técnica


Lugo, 28 de marzo de 2019. A dita xornada tivo un contido teórico e práctico e estivo destinada a uns 80 alumnos de 4º da ESO do IES “Ánxel Fole” de Lugo.

Cun horario dende as 09:00 ata as 11.30, a relatora da dita xornada foi María García Díaz, técnica de prevención e especialista en enfermería do traballo do Centro Issga de Lugo.

Tal e como se recolle no Plan de actividades 2019 do Issga, unha das funcións máis importantes do Issga é a de colaborar coa autoridade educativa, a universidade e os centros de investigación para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos de prevención de riscos laborais.

A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia consolidada, e a vía máis operativa para isto é a través do sistema educativo. Así, a prevención de riscos laborais debe promoverse en todas as etapas do sistema educativo.

Por isto, o ISSGA desenvolve actividades que teñen por finalidade mellorar a información, sensibilización e formación no eido da prevención de riscos laborais na poboación escolar nos diferentes niveis educativos da educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e o apoio técnico ao profesorado.

Así, cómpre colaborar coa consellería competente en materia de educación na realización de actuacións nos centros educativos para promover a adquisición dunha cultura preventiva no eido laboral dos mozos e das mozas da Comunidade Autónoma de Galicia, inculcándolles condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que como futuros empresarios e traballadores terán que enfrontarse.