O centro ISSGA de Pontevedra acolle unha xornada sobre a sílice cristalina


Rande-Redondela, 22 de marzo de 2019.- Esta acción formativa sobre a sílice cristalina como axente carcinóxeno, na que participaron preto de 90 persoas, tivo como obxectivo clarificar a aplicación do RD 665/1997 no caso da SCR (sílice cristalina respirable) e en que debería consistir a vixilancia da saúde e que protocolos serían de aplicación, considerando os posibles efectos carcinóxenos desta substancia.

O Parlamento Europeo inclúe á sílice cristalina respirable na revisión da Directiva sobre axentes canceríxenos e mutáxenos. Esta Directiva inclúe, no seu Anexo I, á sílice cristalina respirable xerada por procesos de traballo e establece un Valor Límite de Exposición vinculante de 0,1 mg/m3 para ela. Así mesmo, o Acordo NEPSI é recoñecido na Directiva revisada como un instrumento valioso e necesario para apoiar a súa posta en marcha.

Durante esta xornada se contou cos mellores especialistas para achegar as súas experiencias e coñecementos na materia, técnicos no Instituto Nacional de Silicosis de Oviedo e da Confederación Española de Industrias Extractivas de Rocas y Minerales.

Expuxeron os aspectos técnicos e normativos que cambiarán coa inclusión da SCR no RD 665/1997 sobre axentes canceríxenos; analizáronse os efectos nocivos da sílice cristalina, a declaración da sílice como axente canceríxeno, a valoración da posible relación entre dose resposta, a posibilidade dun limiar de exposición, a influencia da posible concorrencia con outros axentes carcinóxenos e as posibles relacións entre a silicose o o desenvolvemento de cancro de pulmón. Por último, presentáronse as consecuencias para a vixilancia da saúde nos traballadores expostos e as súas implicacións laborais. Como remate a estas presentacións, tivo lugar unha interesante mesa de debate na que participarán representantes das organizacións empresariais e sindicais e da Asociación Galega de Afectados por Silicose.