Hoxe impartimos no “IES Lamas de Abade” de Santiago unha xornada sobre prevención de riscos laborais


Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019.- A dita xornada tivo un contido teórico e práctico e estivo destinada a uns 120 alumnos das familias de sanidade e imaxe persoal.

Cun horario dende as 9.00 ata as 11.30, Jose Rega Piñeiro, xefe do centro ISSGA - A Coruña impartiu un relatorio sobre a importancia de incorporar a prevención de riscos laborais na actividade diaria que permita reducir os niveis de sinistralidade laboral; Raquel Gulías Sanmartín, técnica de seguridade e saúde laboral do centro ISSGA – A Coruña, fixo unha exposición teórico-práctica sobre primeiros auxilios.

Tal e como se recolle nos sucesivos plan de actividades do ISSGA, unha das funcións máis importantes do Issga é a de colaborar coa autoridade educativa, a universidade e os centros de investigación para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos de prevención de riscos laborais.

A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia consolidada, e a vía máis operativa para isto é a través do sistema educativo. Así, a prevención de riscos laborais debe promoverse en todas as etapas do sistema educativo.

Por isto, o ISSGA desenvolve actividades que teñen por finalidade mellorar a información, sensibilización e formación no eido da prevención de riscos laborais na poboación escolar nos diferentes niveis educativos da educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e o apoio técnico ao profesorado.

Así, cómpre colaborar coa consellería competente en materia de educación na realización de actuacións nos centros educativos para promover a adquisición dunha cultura preventiva no eido laboral dos mozos e das mozas da Comunidade Autónoma de Galicia, inculcándolles condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que como futuros empresarios e traballadores terán que enfrontarse.