Colaboramos nunha xornada en Vigo a prol do impulso da presenza feminina a bordo dos buques de pesca


Vigo, 31 de xaneiro de 2019. Esta iniciativa forma parte do proxecto Redmar II, que consolida a rede Redmar, unha ferramenta de formación que axuda a facer visible o emprego feminino a bordo e que analiza as condicións laborais e a seguridade a bordo desde a perspectiva de xénero.

Myriam Garabito, xefa da Sección de Recoñecementos e Análise do Centro ISSGA – Lugo participou neste acto cun relatorio sobre o fomento da empregabilidade das mulleres a bordo dos buques pesqueiros.

A rede e os proxectos Redmar

A rede Redmar nace dun proxecto co mesmo nome desenvolvido entre 2011 e 2014 pola Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar) e a Organización de Produtores de Buques Conxeladores de Merlúcidos, Cefalópodos e Especies Varias (OPPC-3) e financiado por fondos estatais e europeos. Neste primeiro proxecto, ademais de formarse a rede, realizouse o embarque dunha muller onde se abordou a problemática da convivencia, estudáronse os espazos a bordo e a habilitación necesaria para tripulacións mixtas e realizáronse cursos de formación a tripulantes en activo sobre igualdade de xénero, boas prácticas medioambientais e seguridade a bordo.

Tras este proxecto, Fundamar e a OPPC-3 puxeron en marcha o Redmar II, programa para o fomento de experiencias a bordo e mellora do intercambio de boas prácticas en Rede, en materia de igualdade de oportunidades, seguridade a bordo e medio ambiente, co apoio da Fundación Biodiversidad, dentro do Programa Pleamar do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Deste xeito, no marco de Redmar II realízanse experiencias de embarque de mulleres tituladas en formación marítimo-pesqueira e consolídase a rede Redmar.