Asistimos a unha xornada informativa na sede da Axencia Galega de Emerxencias


A Estrada, 19 de decembro de 2018. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) está a desenvolver accións de colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias (Axega 112), e asiste a unha xornada informativa na súa sede da Estrada.

A proposta desta actividade xurde do marco do grupo de traballo técnico específico do  ámbito forestal.

O obxectivo desta xornada é dar coñecer os protocolos de funcionamento da Axega establecidos ante accidentes, en particular no referente aos accidentes laborais, e as utilidades da aplicación móbil Alpify ante situacións de emerxencia.

Asisten un total de 25 persoas, técnicos do Issga xunto cos integrantes do grupo de traballo creado no seo do instituto dedicado ao ámbito forestal coas empresas representativas do sector, que reciben información sobre os seguinte contidos :

  • A xestión das actuacións da Axega ante as emerxencias e os procedementos establecidos de recepción e transmisión de información. Casuística ante os accidentes que previsiblemente ocorren no ámbito laboral.
  • As utilidades e funcionalidades da aplicación móbil Alpify ante situacións de emerxencia. O seu uso nos accidentes.
  • As actividades de difusión e sensibilización que realiza a Axega no ámbito dos accidentes laborais.

Grupo de traballo técnico forestal do Issga e a aplicación Alpify

Esta xornada solicitouse no marco de actuación do grupo de traballo técnico forestal. Este grupo de traballo ten un carácter plural na súa composición, xa que participa a administración e empresas relacionadas co sector, e busca sinerxias entre ambas as dúas partes.

Dende o Issga achégase unha visión global do sector a través do coñecemento de estatísticas e estudos de sinistralidade, da experiencia recollida nas investigación de accidentes e enfermidades profesionais ocorridos, dos asesoramentos realizados e dos coñecementos derivados da actuación noutros sectores, entre outros.

Dende a representación das empresas do sector suman ademais o valor da proximidade, do coñecemento das rutinas e do día a día do persoal traballador, das dificultades e das fortalezas que van atopando implementar as medidas, e fan posible coñecer metodoloxías e solucións novidosas para previr accidentes. Por outra banda, facilitan ao grupo as visitas ao monte para coñecer dende un punto de vista práctico os procedementos habituais de traballo.

O obxectivo deste grupo de traballo técnico é obter entre todos unha visión o máis ampla posible da realidade cotiá do traballo para poñer o foco de atención naquelas tarefas ou situacións de maior risco, e poder desenvolver ferramentas de información e sensibilización en PRL, dirixidas á diminución dos riscos e da accidentalidade no sector.

Entre os documentos que realizou destaca a placa PAS. Deseñouse unha lámina de vinilo imantada, co obxecto de que se pegue nun lugar visible do vehículo antes de iniciarse os traballos no monte. Esta placa lembra visualmente o protocolo PAS (protexer, avisar e socorrer). Ademais permite escribir a información básica que pode necesitar un traballador en situación de emerxencia: o número de teléfono dun responsable da empresa ou as coordenadas xeográficas da parcela onde se atopa, o que facilitaría a localización e a primeira asistencia ao persoal accidentado.

A placa reforza a importancia de poñerse en contacto coa central de emerxencias, ben a través do teléfono 112 ou ben a través da aplicación do móbil Alpify. A utilidade desta aplicación é particularmente importante en lugares de difícil accesibilidade, ou con pouca cobertura do móbil, xa que envía unha mensaxe de texto ao 112 e ao mesmo tempo sitúa a emerxencia para o centro coordinador cun rango de erro de entre 3 e 10 metros.

O emprego desta ferramenta permite que no caso de aviso dunha persoa atrapada, accidentada ou perdida, os servizos de emerxencia podan coñecer exactamente a súa situación e o percorrido realizado ata chegar ao punto no se atopa, o que permite reducir os tempos de resposta. Esta funcionalidade de localización é moi relevante no ámbito forestal, sector cun elevado índice de incidencia, no que a maioría dos accidentes ocorren en parcelas no monte.

A central de emerxencias 112 integrou esta aplicación no seu dispositivo no ano 2015, e o Issga cumpre coa misión de darlle difusión e explicar a súa utilidade.

Comunicación de accidentes laborais a través do 112 ao Issga

Ademais, a colaboración entre a Axega e o Issga ven sendo habitual nas comunicacións de accidentes laborais. A Axencia comunica ao Issga aqueles accidentes que previsiblemente teñen carácter laboral a través do correo electrónico. Realizan unha primeira achega de información ao Issga con carácter inmediato á recepción da mensaxe no 112, que exerce de alerta inicial ante os posibles sinistros relacionados co ámbito laboral.

Entre as funcións propias do Issga está a de realizar as investigación dos accidentes laborais, co fin coñecer as causas que os provocan, e dende a perspectiva do sinistro como risco laboral prevenible. Tras a investigación elabórase un informe técnico que servirá de apoio á autoridade laboral, ou na orde xudicial no exercicio das súas competencias. De xeito continuo, préstase colaboración pericial e asesoramento técnico á Inspección de Traballo e Seguridade Social no desenvolvemento das súas funcións, tal como se establece na normativa de aplicación.