A Xunta pon en marcha a campaña 'Móvete!' coa recomendación de 12 hábitos saudables para reducir o sedentarismo na oficina


  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, acompañada da directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe a iniciativa en Santiago co fin de promover un emprego de calidade
  • Distribuiranse 6000 exemplares en empresas, na Xunta e no resto de administracións públicas nos que se recollen os 12 consellos para fomentar un estilo de vida máis saudable entre a poboación traballadora
  • Repartiranse tamén 4300 exemplares dun calendario/semanario onde se poderán apuntar as actividades que se están a facer para reducir un estilo de vida sedentario
  • A actuación forma parte da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo que fai especial fincapé na prevención dos novos riscos laborais e nos emerxentes derivados das novas formas e procesos de traballo e do uso das novas tecnoloxías

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2018. A Xunta vén de poñer en marcha Móvete! E reduce o sedentarismo na oficina, unha campaña dirixida a que os traballadores e traballadoras adquiran unha serie de hábitos e pautas saudables para reducir o sedentarismo no traballo fomentando un estilo de vida máis saudable e, polo tanto, un emprego de calidade.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e a directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, presentaron hoxe a iniciativa en Santiago a través da que se repartirán 6000 exemplares dun cartel no que se recollen 12 hábitos saudables para facer menos sedentario o traballo de oficina e 4300 exemplares dun calendario/semanario no que os traballadores e traballadoras poderán apuntar día a día as actividades que están a facer e realizar unha avaliación semanal. O material informativo repartirse tanto en centros de traballos privados como na Xunta e no resto de administracións públicas.

A campaña propón 12 hábitos saudables para que cada mes se incorpore ao estilo de vida de cada persoa un deles co obxectivo de que ao final do ano se consiga ter normalizado durante a xornada laboral as 12 pautas que reducen o sedentarismo. A secretaria xeral de Emprego destacou que as empresas deben facilitar e promover a realización destes hábitos e, por outro lado, os traballadores e traballadoras deben concienciarse sobre que a integración destes hábitos a súa vida diaria supón un beneficio para a súa saúde.

As recomendacións baséanse nunha serie de actividades para levantarse para beber auga, comer algo, subir chanzos ou realizar pausas ou labores activos. As 12 pautas son as seguintes: descansar do traballo con ordenador intentando levantarse cada 30 minutos; facer pausas activas dedicando un momento para realizar unha camiñada intensa e subir escaleiras; rotar tarefas intercambiando hábitos que se facen sentados con outros que se poidan facer de pé; adquirir novos hábitos levantándose para saudar as visitas ou coller o teléfono; elixir o camiño máis longo para ir a outra sala ou ao baño; levantarse e falar directamente en persoa, evitando o teléfono ou o correo electrónico; usar as escaleiras en lugar do ascensor; beber máis auga e facelo de pé; facer as presentacións ou charlas de pé e suxerir reunións de pé ou camiñando; poñer a impresora e a papeleira lonxe do escritorio; moverse mentres se espera para entrar nunha reunión ou se usa a fotocopiadora; aproveitar os descansos para levantarse e facer estiramentos sinxelos. Segundo salientan os expertos, está demostrado que os hábitos se adquiren aos 21 días da súa repetición.

Estes hábitos tamén daranse a coñecer a través da páxina web do ISSGA, e das súas redes sociais, en Facebook e Twitter.

A campaña, segundo apuntou Toca, trata de avanzar nunha cultura de empresas saudables destacando que para iso é necesario a implicación dos empresarios e dos traballadores e traballadoras. A iniciativa forma parte da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo que a través de 6 obxectivos estratéxicos e 163 medidas busca reducir a sinistralidade laboral e consolidar a cultura preventiva no tecido empresarial e nos traballadores co fin último de mellorar as condicións de seguridade e saúde. A folla de ruta, que foi consensuada cos interlocutores sociais, fai especial fincapé nos novos riscos e os emerxentes derivados das novas formas e procesos de traballo e do uso das novas tecnoloxías.