A Xunta avoga pola coordinación para previr os riscos laborais asociados ao novo modelo produtivo da industria 4.0


  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña na clausura das XXV Xornadas da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais
  • Puxo en valor o traballo que desenvolve o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) para poñer en marcha medidas de prevención dando resposta ás demandas do tecido produtivo
  • Destaca que para o Goberno galego é prioritaria a seguridade e o benestar dos traballadores e que, por iso, está a executar a Axenda 20 para mellorar as condicións laborais
  • A Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2017-2020 impulsa unha formación de calidade para consolidar a cultura preventiva na sociedade galega

A Coruña, 30 de novembro de 2018. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, defendeu a importancia da coordinación dos interlocutores sociais no eido da prevención de riscos laborais na súa intervención na clausura das XXV Xornadas da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais que tivo lugar na Coruña. Toca sinalou que a Administración autonómica está traballando para dar resposta aos novos riscos que xurdirán das novas formas de traballo asociadas ao novo modelo produtivo da Industria 4.0 destacando neste senso que o diálogo e o consenso son esenciais para poñer en marcha políticas axeitadas.

Toca puxo en valor o traballo que desenvolve o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) a través do Plan de actividades 2018, unha folla de ruta que inclúe en global 74 actuacións divididas en 7 eixos e unha oferta formativa, que se imparte en prevención de riscos laborais, coa que se prevé chegar a 1200 persoas este ano.

O Plan, enmarcado na Estratexia galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020, busca mellorar a eficiencia na coordinación entre as administracións en materia de prevención de riscos laborais; impulsar a implicación dos interlocutores sociais; facilitar a xestión preventiva e reforzar a vixilancia e o control; potenciar a análise e investigación dos accidentes; fomentar programas en sectores de alta sinistralidade; e acadar unha formación de calidade para consolidar a cultura preventiva na sociedade galega.

Para rematar, a responsable de Emprego insistiu na importancia da coordinación e da colaboración entre as administracións e axentes sociais para mellorar as condicións laborais dos traballadores, lembrando que para a Xunta a loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade e que, por iso, ten en marcha a Axenda 20 para acadar un emprego de calidade.