Impartimos unha xornada técnica sobre a adecuación de equipos de traballo en buques pesqueiros


Rande-Redondela, 30 de novembro de 2018. O Centro Issga de Pontevedra acolle esta xornada técnica co obxectivo de determinar as obrigas de armadores e fabricantes para a construción, venda e instalación de máquinas e equipos de traballo a bordo dos buques de pesca e ofrecer os coñecementos necesarios para realizar unha correcta adecuación dos equipos de traballo xa instalados a bordo dos buques de pesca.

A pesca posúe os índices de sinistralidade máis elevados entre tódolos sectores de actividade. En torno ó 25% dos accidentes que se producen a bordo dos buques pesqueiros están directamente relacionados coa utilización de máquinas e equipos de traballo.

Ó longo da xornada analízase a evolución da sinistralidade do sector pesqueiro e a influencia das máquinas e equipos de traballo nos accidentes ocorridos nos últimos anos a bordo dos buques de pesca. Abórdasse a problemática derivada da non aplicación da directiva de máquinas ós equipos de traballo instalados nos buques de pesca e acláranse cales son as obrigas dos fabricantes e armadores respecto destes equipos, impostas, fundamentalmente, pola Directiva 2001/95/CE sobre seguridade xeral do produtos e o Real decreto 1215/1997, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización polos traballadores dos equipos de traballo.

Tamén se presenta o documento de adecuación de máquinas e equipos auxiliares a bordo de buques de pesca describindo a metodoloxía que hai que empregar para realizar a adecuación destes equipos a través de diversos exemplos.

Finalmente, coñecemos o punto de vista de dúas empresas fabricantes de maquinaria de cuberta e do parque de pesca, que exporán a súa metodoloxía para a fabricación dos equipos e as dificultades que se atopan á hora de abordar un deseño seguro dos mesmos.