A Xunta promove a prevención de riscos laborais entre os autónomos a través dunha formación personalizada e práctica


  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA, desenvolve un curso en liña que rematará o 23 de novembro cun exame presencial para que os traballadores por conta propia poidan obter un certificado.
  • A actuación forma parte do Plan anual de actividades do Instituto e da súa oferta formativa para este ano.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2018. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), está a desenvolver un curso de prevención de riscos laborais para traballadores autónomos co obxectivo de capacitalos nas funcións principais a adoptar no ámbito da prevención de riscos laborais.

Trátase da segunda edición deste curso, que se imparte en liña, e a través do que os autónomos poden acadar un certificado sempre e cando aproben un exame final que será presencial e que terá lugar o 23 de novembro en calquera dos catro centros do ISSGA ou na EGAP, en Santiago.

O curso forma parte da oferta de formación que desenvolve o ISSGA, tanto nos seus centros provinciais como en liña ou a través da aula virtual co obxectivo de proporcionar formación de calidade nesta materia.

A cualificación en liña permite facer máis accesible a toda a poboación a formación en prevención de riscos laborais, dun xeito sinxelo e eficaz ofrecendo unha formación personalizada, interactiva e eminentemente práctica.

Entre os obxectivos do curso dirixido a autónomos destacan o fomento de comportamentos seguros e a correcta utilización dos equipos de traballo, así como a promoción do interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada; a realización de avaliacións elementais de riscos e o establecemento de medidas preventivas; a colaboración na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias; actuación en caso de emerxencia e primeiros auxilios xestionando as primeiras intervencións para o efecto e, de ser o caso, cooperar cos servizos de prevención.

A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención.

Esta actuación encádrase dentro do Plan Anual de Actividades do ISSGA, e forma parte da oferta formativa deste organismo para o ano 2018.