Analizamos en Ourense e Lugo o cumprimento normativo das persoas xurídicas en PRL


Lugo, 9 de outubro de 2018. Esta xornada, realizada en colaboración co “Consejo General de Profesionales Compliance”, tivo como obxectivo analizar os últimos cambios no Código Penal en relación coa responsabilidade das persoas xurídicas e as persoas físicas que a compoñen e transmitir aos profesionais a importancia do cumprimento normativo e as responsabilidades asociadas co incumprimento, especialmente no ámbito das responsabilidades penais en materia de prevención de riscos laborais.

Realizouse hoxe no Centro Issga de Lugo e onte no de Ourense e colaboraron tamén nestas accións formativas as Confederacións de Empresarios de Ourense e Lugo así como a Universidade de Vigo.

A introdución da responsabilidade penal das persoas xurídicas a través do artigo 31 bis do Código penal, pon en valor o cumprimento normativo das empresas. A través dela, créase a figura do compliance officers (oficial de cumprimento) como un elemento básico para o cumprimento normativo.

Desde esta reforma do Código penal vimos oíndo falar con insistencia sobre esta figura así como dos programas de prevención de riscos penais, cuxo cumprimento pode chegar a exonerar ou atenuar este tipo de responsabilidade.

A Fiscalía Xeral do Estado emitiu a Circular 1/2016 en relación a este tipo de responsabilidade, que trata dos modelos de prevención e, o que é máis destacable, fala dun réxime especial para as persoas xurídicas de pequenas dimensións.

Estes programas non teñen só por obxecto evitar a sanción penal, senón promover unha auténtica cultura ética empresarial.

Dentro da figura do compliance officers atópanse todos aqueles profesionais que desenvolven funcións de cumprimento normativo como os técnicos de prevención, os responsables de protección de datos, etc. como oficiais de cumprimento para áreas específicas. Por iso, é importante coñecer as responsabilidades, as metodoloxías de traballo e outros aspectos relacionados co cumprimento.

O cumprimento normativo consisten en establecer as políticas e procedementos suficientes e axeitados para garantir que unha empresa (directivos, empregados e axentes vinculados) cumpren o marco normativo aplicable, dentro do cal tamén se deben ter en conta, ademais das normas legais, as políticas internas, os compromisos con terceiros e os códigos éticos que a empresa se comprometeu a respectar.

Nos diversos relatorios que se presentaron nesta actividade formativa, se analizaron a responsabilidade penal das persoas xurídicas e dos técnicos de prevención, a visión da fiscalía, os sistemas de xestión compliance e os compliance officers en relación coa prevención de riscos laborais, así como a certificación dos sistemas de xestión compliance.