Remataron as xornadas "Coidando ás persoas" en Santiago de Compostela


Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2018. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e do seu órgano técnico na materia, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), e o Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo (INSSBT), organizaron as xornadas “Coidando ás persoas: regreso ao traballo tras unha baixa de longa duración” que remataron hoxe e coas que, durante os dous días nas que tiveron lugar, se pretendeu afondar en problemáticas cada vez máis cotiás e que, sen dúbida, deben ser obxecto de debate, estudo e resposta nunha sociedade moderna, avanzada, e que ten como valor principal nas organizacións ás persoas.

Por iso e tendo en conta como marco de referencia a Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2015-2020 na que participamos a Administración xeral do Estado, as distintas comunidades autónomas e os interlocutores sociais, organizamos este foro de encontro sobre a reincorporación ao traballo tras unha baixa de longa duración.

Contouse con profesionais de prevención de recoñecido prestixio, de institucións públicas (INSSBT, HULA, ITSS, INSSS, OSALAN, ISSGA), privadas (Asepeyo, Votorantim Cimentos, COPG), e entidades (Asociación Española contra el Cáncer, Asociación DIA de Víctimas de Accidentes, Asociación de Dano Cerebral de Compostela SARELA) que desenvolveron programas, actividades e experiencias neste ámbito que deben tender a normalizarse cada vez máis.

Esta colaboración demostra na orde científico-técnica a boa sintonía e as sinerxías que existen nun traballo en común e en beneficio de todos, xa que tanto no marco europeo como na estratexia española xa mencionada, como na estratexia galega, se incorporan liñas de actuación neste ámbito.

O envellecemento da poboación traballadora é un feito, e a reincorporación ao posto de traballo tras unha baixa é unha cuestión de crecente importancia a medida que os problemas de saúde crónicos e as discapacidades son máis frecuentes coa idade.

Tanto a empresa como toda a sociedade debe valorar cun beneficio real o fomentar a reincorporación das persoas traballadoras de maneira precoz tras unha enfermidade ou lesión, así como de axudar aos seus traballadores e traballadoras con problemas de saúde crónicos a manter o seu posto de traballo.

Nalgúns casos, isto pode supoñer adaptacións temporais ou a longo prazo dos lugares de traballo ou a formación dos traballadores e traballadoras para o desempeño doutras tarefas.

Canto maior é a duración da ausencia por enfermidade, maiores son as barreiras que as persoas experimentan á hora de reincorporarse e menos é a probabilidade dunha reinserción efectiva e duradeira.

Garantir unha reincorporación fluída ao posto de traballo supón unha serie de beneficios:

  • Conservar as habilidades e os coñecementos do traballador enfermo/lesionado
  • Minimizar a perda de produtividade asociada
  • Reducir os custes de contratación e formación de novos traballadores
  • Manter a moral do resto de traballadores
  • Garantir unha reincorporación efectiva ao posto de traballo