Publicamos un documento con recomendacións preventivas de actuación en traballos forestais con presenza da vespa velutina


Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2018. A orixe desta publicación xorde da demanda do grupo de traballo do sector forestal creado polo Issga e con motivo da presenza cada vez máis habitual da vespa asiática (veluntina) non nosos montes.

O resultado desta proposta é un traballo conxunto do grupo que se concretou nun documento breve en formato cartel no que se indican as recomendacións preventivas de actuación en traballos forestais cando nos topamos coa vespa velutina.

O documento está dividido en tres partes e recolle as actuacións básicas que se deben ter en conta na planificación das tarefas tanto antes de empezar os traballo, como se se atopa un niño de velutina como, por último, no caso de ataque das vespas velutinas.

Está dispoñible para a súa descarga na seguinte ligazón.

Grupo de traballo técnico no sector forestal do ISSGA

Este grupo de traballo, constituído no ano 2016, está composto por técnicos de prevención de riscos laborais de Confemadera Galicia, Ence, Finsa e do Issga. Dende entón está a traballar na elaboración de documentos técnicos formativos e informativos sobre condicións de traballo seguras no sector.

PRL no sector forestal

Este ano presentáronse no marco dunha xornada técnica no Centro Issga de Lugo diversos documentos técnicos elaborados polo ISSGA en relación coa prevención de riscos laborais na actividade forestal, entre eles unha aplicación móbil Alerta ISSGA na que se recollen as principias recomendacións a seguir para acadar neste eido un traballo máis seguro e, polo tanto, de máis calidade e máis competitivo. Trátase dunha APP coa que se pretende chegar de xeito accesible e doado aos traballadores.

Así mesmo, o grupo de traballo técnico no sector forestal elaboraron dous documentos técnicos con consellos no ámbito da prevención de riscos laborais para os traballos que se desenvolven ante árbores sentadas e ante árbores apoiadas enganchadas. O obxectivo das dúas publicacións é dar solución ás necesidades demandadas polo sector dun xeito didáctico e comprensible.

O Instituto, ademais, elaborou vinilos con información básica das medidas de emerxencia e do protocolo PAS (Protexer, Avisar e Socorrer) a seguir ante un sinistro no monte coa finalidade de que se coloquen nos vehículos que se utilizan para traballar no monte.

O obxectivo destas actuacións é buscar unha maior eficacia na loita contra a sinistralidade laboral no sector forestal, un ámbito polo que a Xunta está apostando para incrementar o potencial da súa industria.

Tamén se xunta un documento do programa galego de vixilancia e control fronte á vespa velutina da Consellería do Medio Rural e do Mar para acadar identificala mellor.