Organizamos na Coruña unha xornada sobre prevención, responsabilidade social e excelencia empresarial


  • A iniciativa, que desenvolve o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), está dirixida a técnicos de prevención de riscos laborais, responsables de recursos humanos, delegados de prevención, axentes sociais e estudantes
  • Destacarase a importancia das políticas de prevención de riscos laborais e modelos de xestión baseados na Responsabilidade Social Empresarial (RSE) para contar con empresas máis saudables
  • Na xornada exporase a experiencia dunha compañía de máis de 250 traballadores sobre as accións desenvolvidas e beneficios obtidos no ámbito da RSE
  • A actividade forma parte do Plan de Actividades do ISSGA para 2018 que inclúe 74 actuacións divididas en 7 eixos e unha oferta formativa coa que prevé chegar a 1200 persoas

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2018. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), organiza hoxe na Coruña, no centro do Instituto emprazado na rúa Camilo Veiras, 8, unha xornada sobre prevención, responsabilidade social e excelencia empresarial. A actividade, que comeza ás 09,45 horas, está dirixida a técnicos de prevención, responsables de recursos humanos, delegados de prevención, axentes sociais e estudantes.

Na xornada destacarase a importancia das políticas de prevención de riscos laborais para que o tecido empresarial galego sexa saudable, así como a implantación de modelos de xestión baseados na Responsabilidade Social Empresarial (RSE). Ao respecto, exporase a experiencia dunha compañía de máis de 250 traballadores e traballadoras sobre as accións desenvolvidas e beneficios obtidos neste campo.

A Xunta traballa no eido da prevención dos riscos laborais, a través do ISSGA, que conta este ano cun plan de actividades que inclúe un total de 74 actuacións divididas en 7 eixos e cunha oferta formativa, que se impartirá en prevención de riscos laborais, coa que se prevé chegar a 1200 persoas. A celebración desta xornada enmárcase nesta planificación.

O Plan foi consensuado cos interlocutores sociais e responde aos obxectivos da Estratexia galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 que está desenvolvendo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA.

En materia de RSE, a Administración autonómica tamén está desenvolvendo diversas actuacións para impulsar este modelo de xestión entre o tecido empresarial co obxectivo de que as empresas na súa actividade atendan de xeito equilibrado ás variables económicas, ambientais, sociais e de bo goberno. Xestionar empresas rendibles de forma ética xera maior produtividade, lealdade ao cliente, acceso a mercados e credibilidade.