Hoxe o centro ISSGA de Pontevedra acolleu unha xornada técnica sobre os útiles de elevación de cargas


  • A iniciativa, que realizan o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) e Fremap, forma parte do Plan de actividades do Issga para 2018.

Rande-Redondela, 12 de xuño de 2018.- Hoxe tivo lugar no centro do ISSGA de Pontevedra a xornada técnica “Avaliación de riscos, selección, inspección e mantemento dos útiles de elevación de cargas" desenvolta por Fremap en colaboración co ISSGA e que se centrou en revisar os aspectos máis relevantes da seguridade dos útiles de elevación de cargas, desde un enfoque orientado a garantir a integración das prácticas preventivas que requiren estes equipos nos procesos xerais das empresas. Para iso, realizouse unha análise sistemática das obrigacións dos diferentes niveis da escala xerárquica, abordando as políticas de selección, os procesos de compras, as revisións e os aspectos para considerar na formación e información dos traballadores.

Estas accións formativas organizadas por Fremap, que xa se veñen realizando nos últimos anos, permiten formar a técnicos de prevención, delegados, empresarios ou profesionais, entre outros, sobre os diversos cambios nos procesos produtivos, posta ao día na normativa ou na introdución de novas tecnoloxías, que fan precisa unha actualización permanente de coñecementos no eido da prevención de riscos laborais e na seguridade e saúde laboral.

A divulgación destes coñecementos é unha parte fundamental da prevención de riscos laborais e así aparece recollido no Plan de actividades do Issga para este ano 2018.